A FRUGA denuncia que a totalidade das explotacións agrarias radicada no concello de Santiago de Compostela van perder as axudas solicitadas ao abeiro da Orde de 30 de decembro de 2013 que establecía as axudas para a modernización das explotacións agrarias.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2014.- O dia 30 rematou a prorroga do prazo para que as persoas titulares de explotacións agrarias que tiñan presentado solicitude de axudas establecidas na Orde de 30 de decembro de 2013 para a modernización das explotacións agrarias completaran toda a documentación requirida.
Todo plan de mellora que levara aparellada a realización de obra civil tiña de presentar obrigatoriamente a licenza municipal. O prazo para presentar a mesma remataba o dia 15 de xuño, segundo o artigo 13.2 desta Orde, prazo que foi prorrogado até o dia 30.
Pois ben, como consecuencia do desgoberno que preside o goberno municipal de Santiago de Compostela a totalidade das solicitudes correspondentes a este concello van ser denegadas tal como establece o artigo anteriormente referido.
A Federación Rural Galega – FRUGA, quere denunciar con esta nota de prensa que as persoas titulares de explotacións agraria situadas no termo municipal de Santiago de Compostela estanse a ver gravemente prexudicadas polo desgoberno que padece toda cidadanía deste concello como consecuencia da mala xestión que está a facer o Partido Popular (PP) da crise na que está inmerso este concello desde fai 3 anos, crise provocada por este mesmo partido.
No seu momento, desde a FRUGA, xa denunciamos que a Consellería do Medio Rural e do Mar non quixera buscar unha saída a este problema das licencias municipais. A propia Consellería está utilizando este requisito para denegar a maioría das solicitudes e así non ter que xustificar o baixo orzamento destinado a este Plan de Melloras.
As explotacións de Santiago de Compostela estamos sendo vítimas por partida dupla das administracións gobernadas polo PP; porque, por un lado, temos que sufrir a inacción do goberno municipal, dado que solicitudes de licenza municipal presentadas a primeiros deste ano aínda non están resoltas, e por outro, por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar que nos vai denegar a nosa solicitude sen que a causa da denegación poda ser atribuída a unha deficiencia ocasionada polo noso comportamento, senón que depende do mal funcionamento de unha parte da propia administración perante a que estamos totalmente indefensos.