FRUGA e gandeir@s da provincia de Lugo exixen da Xunta de Galiza solucións para os problemas ocasionados polo aumento de sacrificios obrigatórios inxustificados de reses

Elías Somoza, comandando o grupo de gandeir@s na entrega das sinaturas perante a Xunta en Lugo.
Elías Somoza, comandando o grupo de gandeir@s na entrega das sinaturas perante a Xunta en Lugo.

A campaña lanzada pola organización recolleu mais do milleiro de sinaturas
O incremento de positivos provisorios que supoñen facer sacrificios e que logo na proba confirmatoria en matadoiro resultan negativos, é brutal
A Xunta continua sen corrixir oficialmente a situación
Lugo, 24 de xullo de 2014.-  FRUGA e gandeiros da provincia procederon a entregar na delegación da XUNTA de máis de 1000 sinaturas para demandar, novamente, solucións claras os problemas creados este ano co saneamento gandeiro. Xa que a día de hoxe so se teñen adoptados parches de xeito oficioso.
O saneamento gandeiro é un programa de detección e control de posibles enfermidades que se fai ao total da cabana gandeira bovina galega desde fai máis de 30 anos que o proprio sector valora como positivo e necesario.
Nesta campaña 2014 estanse detectando un forte aumento, aparentemente inxustificado, dos positivos na proba preliminar empregada para a detección da tuberculose, incluso en granxas que nunca antes tiveran un positivo  e que non se compran animais de fora da explotación. Este feito está levantado unha grande preocupación nas gandeirías, primeiramente porque isto supón que toda a explotación queda inmobilizada.
Tamén, dependendo da intensidade da afección detectada, teñen que sacrificarse animais. Neste caso, unha vez mortas as reses, fáiselles outra proba confirmatoria, pero acontece que, nestes outros resultados definitivos que se fan despois do sacrificio, sobre o 95 % resultan finalmente negativos.
Comprendemos que, en caso de detectarse unha enfermidade que se poida contaxiar dun animal a outro, o mellor para todos é sacrificalo, pero non comprendemos que se teñan que matar animais dos que non se ten a certeza que están enfermos
Por todo isto, solicitamos do Goberno Galego:

– Que se tomen as medidas necesarias para evitar o sacrificio obrigatorio de animais sans.

– Que explique a que se debe este aumento de positivos na proba preliminar da tuberculose nesta campaña

– Que estude métodos de control e erradicación de enfermidades que ofrezan garantías tanto à Consellería do Medio Rural como aos/ás proprios/as gandeiros/as

– En definitiva, apoiar ao sector agrogandeiro, que xera máis do 60% de toda a produción agraria galega.