FRUGA responsabiliza ao expansionismo da UE das graves repercusións que para os sectores produtivos galegos pode ter o conflito comercial coa Federación Rusa

O leite e a carne de Galiza poden sufrir graves consecuencias con o encerramento do mercado ruso

Compostela, 20 de agosto de 2014.- Nos primeiros días deste mes de agosto o goberno ruso decidía proibir as importacións de certos produtos alimentares procedentes da UE, Noruega, USA, Canada, Xapón e Australia.

A medida adoptada polo goberno da Federación Rusa é a resposta ás medidas adoptadas previamente polos países occidentais como consecuencia da actual crise político-militar que padece Ucrania, crise que por súa vez ven precedida do intervencionismo directo de occidente na política interna dese país. É bo lembrar que todo se orixina con o golpe de estado propiciado desde occidente mediante o apoio ás mobilizacións iniciadas a finais do ano pasado cando o goberno lexítimo da Ucrania estaba a negociar un acordo de asociación coa UE ao tempo que negociaba coa Federación Rusa un tratado comercial entre os dous estados.

Inicialmente os produtos alimentares mais afectados son as froitas e as legumes por ser os alimentos que mais vende o estado español á Federación Rusa. No ranking dos produtos exportados directamente polo estado español, os produtos cárnicos figuran en segundo lugar e os produtos lácteos e os ovos figuran no nono, a pesca no sétimo, polo que se podería pensar que cando menos ao sector lácteo este embargo non lle afectaría grandemente.

Mas a situación pode complicarse para o sector leiteiro galego nun futuro relativamente próximo. Entre os países mais exportadores a Rusia figuran Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, grandes produtores de leite e que nestes momentos se encontran acrecentado a súa produción para situarse en mellores condicións para disputar o mercado mundial perante a desaparición das cotas leiteiras o próximo 1 de abril de 2015. Segundo recollía a a web do campo “Agrodigital” do 20 de febreiro, deste mesmo ano, os países do norte de Europa foran acrecentado as súas entregas nos últimos anos prevendo que o mercado ruso puidera absorver parte deses excedentes. No ano 2012, Rusia acolleu o 26% das exportacións comunitarias de queixo e o 19% de manteiga. Ao ficar fechado este mercado para as producións de leite do norte de Europa o lóxico é que procuren outros mercados e o estado español é deficitario en leite e derivados, polo que se pode converter nun mercado apetecíbel.

Nestes momentos as industrias que recollen leite na Galiza xa son as que menos pagan o leite aos seus fornecedores e esta situación ainda se pode agravar mais no futuro se entran no mercado español os excedentes procedentes do norte de Europa.

 Desde a FRUGA demandamos da Consellería do Medio Rural a adopción de medidas urxentes para evitar que esta situación se cheque a dar.