FRUGA solicita a retirada da sanción ao gandeiro de Enfesta multado por levar os animais ao pasto

Se pensabamos que Conde Roa xá deixara o listón do pailanismo antirual ben alto, Hernández acaba de superalo.
Se pensabamos que Conde Roa xá deixara o listón do pailanismo antirual ben alto, Hernández acaba de superalo.

A ordenanza na que se sustenta a sanción non é de aplicación á actividade gandeira nin ao tipo de vía onde se desenvolve a actividade

Compostela, 2 de setembro de 2014.-O concello Compostela acaba de sorprendernos cunha nova mostra de esperpento a engadir á súa longa colección acadada nestemandato municipal. Acaba de iniciar expediente sancionador a un veciño de Enfesta por ensuciara vía pública con excrementos de gando bovino. Está sanción non só amosa unha visión urbanitae desprezadora e descoñecedora do que é o concello de Santiago e o conxunto da Galiza rural, senon que tamén indica unha deturpación das normas e ordenanzas municipais a mantenta.

A sanción proposta baséase na aplicación da Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria, onde se fai referencia claramente aos animais de compañía e a entorno urbano. Non é polo tanto, baixo o noso punto de vista e do sentido común, aplicábel a gando vacún de produción cárnica ou de leite no ámbito rural.

A vía pública que foi “ensuciada” foi construída durante o proceso de concentración parcelaria de Reboredo co obxectivo de servir as explotacións agrogandeiras do lugar. O obxecto fundamental da vía é dar servizo a actividade agrogandeira, polo que o paso e uso da vía por parte de gando vacún é o normal e un dos seus fins, non incompatíbel co uso de vehículos e peóns. Así pois, é evidente que neste tipo de vías, tendo en conta a finalidade coa que foron construídas, non se poden aplicar sancións deste tipo.
Esta sanción por parte do concello só pode ser entendida dentro da fobia e o menosprezo
que o PP profesa cara o mundo rural, e ao mesmo tempo o seu descoñecemento da realidade
económica e social da Galiza, aderezado cunha visión urbanita e pailana do que é o noso rural. Mais tamén se enmarca dentro dunha liña política que o PP está a desenvolver en toda Galiza deentorpecer e boicotear os modelos de producións baseados no pastoreo e en réximes extensivos, impedindo o seu normal funcionamento, e deixando como única alternativa a produción intensiva en base a concentrados, que fai ao gandeiro máis dependente e que anula as vantaxes comparativas de Galiza. E tamén coa política do PP no concello de Santiago, lembremos o intento do goberno municipal do PP de eliminar a feira de gando de Amio, de facer de Compostela unha cidade centrada en exclusiva no sector servizos e no turismo, esquecendo a realidade histórica e aínda real de Compostela como cabeceira dun concello e dunha comarcal eminentemente agrogandeira. O obxectivo parece ser o de transformar parroquias cunha longa tradición gandeira en pasto da especulación urbanística.
Así pois FRUGA solicita do concello de Santiago de Compostela a retirada da sanción por
non axustarse ao espírito da ordenanza na que se basea, e por non ter en conta a realidade da
vía e o uso polo que foi construída. Así como por atentar directamente contra unha actividade económica fundamental para seguir mantendo un rural vivo e con futuro.