FRUGA solicita do Parlamento Galego a criación dun gabinete de crise do sector lácteo

Intre da reunión co Grupo Parlamentar do BNG
Intre da reunión co Grupo Parlamentar do BNG

A nosa organización reuniuse cos distintos grupos parlamentares para solicitar medidas urxentes en defensa da produción láctea galega

Reclamamos o papel interlocutor da nosa Organización, marxinalizada por unha Xunta moi cómoda arroupada polos sindicatos do sistema

Compostela, 29 de setembro de 2014.- Nas últimas datas a FRUGA ven de realizar unha rolda de encontros cos distintos grupos do Parlamento Galego. co obxectivo de urxir na necesidade de iniciar medidas en defensa da produción láctea e reclamar o papel interlocutor da nosa organización, toda vez se ten revelado como a mais activa nos últimos tempos en defensa do sector leiteiro, perante o adormecimento e entreguismo das estruturas sindicais clásicas que operan na Galiza.

A continuación tendes o texto remitido aos distintos grupos parlamentares galegos.

O ano 2009 trouxo unha grave crise de prezos para o sector lácteo europeo, como consecuencia da mesma a UE encargou a un grupo de expertos a elaboración de un informe no que se estableceron sete recomendacións para facer fronte a futuras crises. En base ás recomendacións deste documento o goberno español puxo en andamento o coñecido como “paquete lácteo”. O ano 2012 foi un ano no que o sector leiteiro galego padeceu unha nova crise produto dos baixos prezos pagos polas empresas, sendo estes os mais baixos de todo o estado español, sendo xa este dos mais baixos de toda a UE. No 2013 os prezos tiveran unha leve recuperación reflexo do comportamento que se estibo a dar a nivel mundial, mas na Galiza seguiuse a cobrar menos que no resto do estado. Agora entre a primavera e o verao de 2014 as empresas voltaron a baixar os prezos entre 6 e 7 céntimos.
Mas para sorpresa do sector os problemas non fican por aquí, agora resulta que curiosamente na última campaña de aplicación do sistema de cotas, desde as administracións estáse ameazando coa imposición da super-taxa.
E por si os males non foran poucos, a toda esta situación vense a sumar o conflito comercial creado pola UE coa Federación Rusa e as graves consecuencias que este pode ter para o noso sector leiteiro. Neste sentido convén pór de manifesto que os estantes das cadeas de distribución están cheos de produtos lácteos doutros países europeos.
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA demandamos unha actuación decidida por parte das administracións competentes na procura de solucións aos graves problemas cos que o sector se ten de defrontar, no canto de proferir amezas. Queremos pois, solicitar a intervención urxente da nosa consellería, o que se debería plasmar na creación dun “gabinete de crise do sector lácteo”
A interlocución entre os distintos actores que interveñen neste sector, así como no resto de sectores da actividade agraria, faise imprescindível, mas sempre contado coa presencia da administración competente. Interlocución da que quer ser parte activa a nosa organización.