As Comunidades de Montes Veciñais e a Federación Rural Galega manifestaranse contra a privatización dos montes comunais que pretende a Xunta

Manuel Da Cal e Xose Alfredo Pereira, intres antes de comezar a rolda de imprensa
Manuel Da Cal e Xose Alfredo Pereira, intres antes de comezar a rolda de imprensa celebrada onte

Segundo Xosé Alfredo Pereira, Presidente da ORGCCMM, “sempre nos quixeron roubar os montes comunais a través da historia, mais tamén houbo unha resposta do pobo galego para o impedir e conseguir éxitos”

Compostela, 19 de novembro de 2014.- A manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Federación Rural Galega (FRUGA) sairá este sábado 22 de novembro ás 12:00 da estación de tren de Santiago de Compostela para demandar unha fiscalidade propia para estas entidades e a condonación das “falsas débedas” que lles atribúe a Xunta. O lema desta mobilización, á que están chamadas as 3.000 comunidades de toda Galiza e o pobo galego, será “Que non nos rouben os nosos montes”.

Os montes veciñais en man común ocupan 650.000 hectáreas, un terzo do territorio da Galiza, e están xestionados democraticamente por unhas 3.000 comunidades, que reúnen 250.000 comuneiros e comuneiras. O monte veciñal é un sinal da identidade propia de Galiza, só hai esta figura en Galiza e no norte de Portugal.

En rolda de prensa, o coordinador xeral da FRUGA, Manuel da Cal, explicou que a nova Lei de Montes de Galiza non contou co beneplácito maioritario das organizacións que forman parte do Consello Forestal, porén o proxecto de lei anterior –da etapa do BNG á fronte da Consellaría do Medio Rural- concitara unanimidade no sector forestal. A actual, ademais de “desnaturalizar o monte veciñal”, non satisfai as necesidades do rural galego pois “retoma a forestación de terras agrarias e cuestiona a viabilidade das explotacións deste país por falta de terra que cultivar que contribúa a reducir os custes de produción”, ao ser Galiza unha das zonas de Europa con menor superficie agraria útil. Esta nova norma ataca tamén a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, coa redución de distancias que agravan o risco potencial do lume, e volve permitir as masas monoespecíficas cunha visión produtivista para favorecer determinada industria en detrimento do aproveitamento multifuncional do monte, indicou Manuel da Cal.

A Xunta do PP lexisla para privatización dos montes veciñais
Pola súa parte, Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, destacou que a política forestal do PP na Xunta ten dous obxectivos: “roubar a xestión dos montes á veciñanza comuneira para entregarlla de balde ás empresas forestais privadas” e “impedir que a veciñanza comuneira sexa protagonista da posta en valor das terras comunitarias para despois xustificarse para a súa privatización”. A Xunta do PP, afirmou, “quere privatizar os montes veciñais porque non concibe que existan terras comunitarias fóra do seu tráfico do comercio e do negocio e moito menos admite que sexan xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira”. Segundo explicou, a Xunta pretende entregar estas terras a determinados intereses económicos porque queren converter o monte galego nunha “inmensa leira de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos para a instalación de industrias agresivas e coloniais e para iso precisan o abandono do medio rural, para que estes intereses campen ás súas anchas nos montes veciñais en man común”.

Na etapa franquista o monte veciñal foille roubado aos seus lexítimos propietarios, os veciños e veciñas comuneiros, para ser entregado a diversas administracións públicas. Xa no posfranquismo procedeuse á devolución, nalgúns casos incompleta, aparecendo a figura dos consorcios e dos convenios. Agora, a Xunta pretende obrigar a asinar un contrato cunha empresa forestal privada ás comunidades que teñan os seus montes con convenios ou consorcios obrigadas para pagaren un suposto saldo debedor coa administración, mais a Lei de Montes do Estado español permite a condonación das débedas dos montes conveniados ou consorciados, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión. Non hai ningunha razón legal, xurídica e técnica que impida anular estas supostas débedas do monte veciñal conveniado ou consorciado. Reclaman así que no debate parlamentar dos Orzamentos da Xunta se destine unha partida para que Medio Rural teña capacidade económica para “condonar” ou anular estas supostas débedas.

Falta de investimentos públicos nos montes veciñais en detrimento da industria
Na comparecencia de prensa aproveitaron tamén para denunciar a falta de investimentos públicos nos montes veciñais, de cara a camiñar ao seu aproveitamento multifuncional e sustentábel. “As comunidades de montes deixaron ser principais beneficiarias de axudas públicas, en detrimento das industrias forestais”, afirmou Xosé Alfredo Pereira. Subliñou tamén o investimento “en obra cultural, social e comunitaria que realizan as comunidades de montes para contribuír a ter unha calidade de vida digna no medio rural e que se verá limitada con esta privatización da xestión”.

“Sempre nos quixeron roubar os montes comunais a través da historia, mais tamén houbo unha resposta da veciñanza e do pobo galego para o impedir e conseguir éxitos”, sinalou Pereira. “No século XIX mediante a desamortización pretenderon pór os montes veciñais á venda, no século XX o franquismo usurpou os montes veciñais e non vai ser a veciñanza comuneira do século XXI quen non defenda esta titularidade especial propia do noso país, da nosa nación”, concluíu a súa intervención.

Táboa de reivindicacións da manifestación:
• Condonación das falsas débedas dos montes veciñais con convenios ou consorcios.
• Plan orzamentario para a posta en valor dos nosos montes. Por un monte multifuncional.
• Proceder de inmediato aos deslindes de todos os montes veciñais por conta da administración.
• Reinvestimento diferenciado, atendendo ás condicións sociais, demográficas e económicas.
• Fiscalidade propia para os montes veciñais, non ao Imposto de Sociedade. Por unha fiscalidade galega.