FRUGA inicia unha campaña na defensa da venda directa das producións nos mercados e feiras tradicionais

Defensa feiras

A Xunta pretende acabar coas nosas feiras e mercados. Defendamos o noso! Defendamos os mercados locais!!

O día 30 de setembro publicouse no DOG o Real Decreto 125/2014, que regula na Galiza a venda directa de produtos primarios. Norma elaborada nos despachos de San Caetano de costas ao sector e sen ter en conta a  realidade das feiras e mercados tradicionais galegos.

Ven a regular a venda directa das seguintes producións agrarias: mel, ovos, froitas,legumes, hortalizas, cogomelos e cereais. Determina unha serie de obrigacións aos produtores e produtoras que suporán  MÁIS BUROCRACIA, PAPELEO E GASTO, pero que non impide o fraude de levar ao mercado produtos que non veñen directamente das nosas explotacións e vendelos como tales.

 

A Xunta parte da idea de que as persoas que vendemos directamente as nosas producións nos mercados facémolo por “hobbie”, que somos uns simples afecionados/as. Mais quen practicamos este modelo de venda estamos a vender o froito do noso traballo e queremos vivir da terra.

 

Parece que o obxectivo do Decreto non é regular a venda directa, se non eliminar unha parte dos produtores e produtoras que acoden aos mercados, xente maior que procura un complemento ás súas cativas pensións, coa desculpa dunha suposta competencia desleal. A COMPETENCIA DESLEAL NON SON OS XUBILADOS E XUBILADAS, SON AS GRANDES ÁREAS COMERCIAIS E AS GRANDES CADEAS DE DISTRIBUCIÓN.

 

As grandes áreas son as responsábeis da nosa dependencia alimentar ao destruír as nosas producións agrarias negándolles a posibilidade de distribuílas no mercado, e foron as persoas maiores as que mantiveron vivos os nosos mercados e así poder ter un lugar onde vender as nosas producións.

 

É por todo iso que, desde a FRUGA – Federación Rural galega, propomos:

–        Suspensión inmediata do Real Decreto.

–        Apertura de canles de diálogo co sector para buscar fórmulas de promoción e ordenamento da venda directa e, en xeral, das feiras e mercados da Galiza.

–        Inclusión dos produtos elaboradas (conservas, marmelos, pan,…) entre os susceptíbeis de seren vendidos nas feiras directamente polos produtores/as, de acordo coa nosa realidade.

–        Desenvolvemento e modificación, de ser o caso, da Lei de promoción e defensa da calidade alimentar galega para dar cabida ás pequenas producións artesanais.

–        Elaboración dunha alternativa real ao modelo agro-alimentar das grandes áreas e superficies, empezando por facilitar o acceso à terra e á vivenda no rural de novos e novas produtores/as e a seguir coa promoción real e efectiva de feiras e mercados locais, nos que se facilite a presenza das nosas producións.

 

En definitiva, FRUGA propón un novo marco que recoñeza o papel fundamental dos homes e mulleres do campo na obtención de alimentos, que facilite a súa chegado aos e ás consumidoras, eliminando intermediarios e revendedores/as, que garanta a súa calidade e que serva para dar un chanzo mais face á soberanía alimentar do Povo Galego.