FRUGA anima a todas as persoas do rural galego a participar masivamente na manifestación convocada por Queremos Galego!

cartaza3maniqg-

FRUGA amosa o seu total apoio á manifestación a favor da lingua que ten convocada para este domingo 8 de febreiro ás 12:00 h na Alameda en Compostela a plataforma Queremos Galego, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos.

Facemos un chamamento a todas as persoas do rural galego para que participen nesta importante mobilización co obxectivo común de evitar que o noso idioma do país desapareza coa perda diaria de falante. As persoas do rural fomos quen de preservar e manter o alento da nosa lingua durante todos estes anos, non deixemos que morra a lingua que os nosos pais e nais, os nosos avós e avoas nos transmitiron con tanto amor e enxebreza.

A continuación o manifesto da Plataforma Queremos Galego onde se expoñen os obxectivos e razóns desta mobilización. Cen primaveras máis para a lingua galega:

 

Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.

O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.

A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para pararmos esta desfeita .

Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política.

O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego

Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sitúanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social.

Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.