Presentouse en Compostela o proxecto de promoción de produtos agroalimentares galegos en Brasil
Acaba de ser presentado en Compostela de maneira pública un proxecto de promoción de produtos agroalimentares galegos no Brasil no que FRUGA colabora, e que xa leva un ano de recorrido. O proxecto está promovido pola Rede Galega de Empresas e as asociacións integradas en FRUGA, Asociación Campalgo e Asociación Galega de Viticultura.
O proxecto que leva por nome Iza-promoción pretende dar a coñecer no mercado en expansión do Brasil unha serie de produtos de calidade galegos como poden ser, viños, licores, queixos, mel, castañas e moitos outras producións agroalimentarias galegas que poden atopar nese mercado un futuro interesante.
Xa son máis de 40 empresas as que se están a implicar neste proxecto que conta coa colaboración do IGAPE dentro da liña que a Consellería de Industria ten estabelecida de implantación promocional conxunta no exterior, Plan Primex.
No acto celebrado en Compostela onde representantes da administración galega, das asociacións promotoras, entre os que estaban Puri Cladelas da AGV e Elías Somoza de Campalgo, así como unha importante representación das empresas que xa están a participar no proxecto e outras que amosaron o seu interese, analizouse o traballo xa desenvolvido neste ano de andaina do proxecto e fixáronse as prioridades para o novo ano que comeza.
Dende FRUGA parabenizamos aos promotores na seguridade de que proxectos deste tipo son necesarios para ir asentando un sector agroalimentario potente e con futuro na nosa nación, Galiza.