A FRUGA RECLAMA DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL E DO MAR QUE SE SUME ÁS PETICIÓNS DE AMPLIACIÓN DE PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DA PAC ATA 15 XUÑO DO 2015

millo_finca_02_standar

 

Non é admisible que a incompetencia da consellería na posta en marcha do procedemento de solicitude das axudas do novo período da Política Agraria Común – PAC 2015-2020 impida que estas axudas cheguen @s labreg@s na súa totalidade. Podendo ocasionar a perda de miles de euros de fondos europeos.

 

Santiago, 24 de marzo de 2015.  A Federación Rural Galega – FRUGA rexistrou hoxe unha carta dirixida a Conselleira do Medio Rural e do Mar para que se posicione a favor da ampliación do prazo de presentación das solicitudes de axuda da PAC deste ano.

 

A raíz da demora na apertura de prazo para poder comezar a tramitar as solicitudes da PAC 2015 e tendo coñecemento da proposta por parte do Comisario de Agricultura, Phil Hogan, de autorizar aos Estados Membros a prorrogar ata o 15 de xuño de 2015 o prazo de presentación das solicitudes unificadas da PAC de pagos, tanto do primeiro coma do segundo piar, dende a FRUGA esixímoslle a Conselleira de Medio Rural e Mar, que reclame e apoie a aprobación de dita prórroga a nivel comunitario. Dando traslado desta petición ao Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea de Agricultura.

 

Atendendo ó indicado anteriormente, solicitámoslle que coa maior dilixencia dispoñan a modificación normativa estatal e galega co obxecto de facer uso de dita facultade no Estado Español e que as solicitudes unificadas de axuda poidan ser presentadas ata o 15 de xuño, nesta campaña.

 

Dende a Federación Rural Galega (FRUGA) consideramos absolutamente imprescindible adoptar esta medida, dado o retraso na posta en marcha da aplicación informática nesta campaña e na publicación de normativas rexionais e das circulares de coordinación do FEGA, relativas a cuestións importantes, precisas, para poder facer un correcto asesoramento e tramitación das solicitudes.

 

Denunciamos asemade, as deficiencias que estamos detectando na posta en marcha e na articulación da tramitación desta campaña da PAC 2015 por parte da consellería.

Quede por diante o noso total desacordo coa deixadez de funcións que se está a facer por parte da consellería no que se refire á tramitación e supervisión pública dos correspondentes procedementos por parte dos funcionarios desa consellería. Afondando na privatización das funcións que lle competen e no desmantelamento dos servizos públicos de apoio o sector primario agrogandeiro.

Non pode ser que a estas alturas, co prazo de solicitude aberto dende 1 de marzo, as entidades tramitadoras das axudas non teñan acceso ao programa informático definitivo (confirmase que a renuncia por parte desta Consellería a crear un programa informático propio vainos saír a tod@s moito máis caro que, por exemplo, si se inverteran os 302.000 euros do video clip de Enrique Iglesias con esta finalidade).

Non se entenden que moit@s labreg@s aínda non recibisen a comunicación da Consellería cos datos precisos para realizar a súa solicitude.

Moi grave é o resultado de sacar unha convocatoria sen facer os deberes administrativos previos e improvisar sobre a marcha cando está camiñando o prazo de convocatoria.  A burocratización na toma de decisión políticas forma parte dunha intencionada estratexia no continuo abandono do sector agrogandeiro e do espolio da capacidade de producir de Galiza.