Un país que non é capaz de alimentar a súa poboación está empobrecido.
Xurxo Álvarez reelexido presidente de FRUGA.
Na Federación Rural Galega (FRUGA) cremos que o futuro de Galicia é rural e consideramos que un país que non é capaz de alimentar a poboación está emprobrecido, ademais de ser dependente. Por iso, fixose fincapé no ‘O futuro de Galicia é rural’. E é que, no rural, se produce o alimento que comen os galegos e galegas todos os días. Non se entende un país como Galicia se non potencia o seu rural, ista foi a idea central da II Asemblea Nacional de FRUGA, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Na Asemblea Nacional produciuse a renovación da Xunta Directiva. Así, a única candidatura que se presentou –encabezada polo actual presidente, Xurxo Álvárez– foi ratificada este domingo.
Tratouse nesta Asemblea Nacional o tema do equilibrio territorial, no que destacamos a despoboación no interior de Galicia, así como a importante crise demográfica con todos os problemas sociais que implica. Tamén falamos sobre a cuestión ambiental, pois un medio rural vivo e con actividade agrogandeira, é un ecosistema diversificado e sostíbel, onde ser preserva e coida a natureza e as zonas abandonadas no rural son pasto do lume. Na devandita Asemblea Nacional, ademais, analizaronse varios relatorios sectoriais acerca do viño, os sectores gandeiros, a revitalización do rural e a horta, entre outras temáticas.
O sector lácteo recibeu unha especial atención. Advertiuse este domingo de que a liberalización do sector lácteo tras a supresión das cotas lácteas –a partir deste mércores 1 de abril– provocará excedentes na produción e caídas no prezo do leite. O sistema de cotas xa vimos que non garante os prezos, Galiza é a zona da Unión Europea na que se cobran os prezos máis baixos polo leite. Mais opomonos a desregularización do sector lácteo coa desaparición das cotas e demandamos un mecanismo de control da produción. Polo que tendo en conta que Galiza é a 1ª potencia produtora do Estado español, demandamos do Goberno Galego, a constitución da Interprofesional Láctea Galega, como lugar onde chegar a acordos firmes que permitan que os prezos que cobremos polo nos leite cubra, cando menos, os custes de produción, e a intervención da Administración galega para conseguir que o sector lácteo galego se dote dun tecido industrial propio.
Informouse tamén da nova Política Agraria Común (PAC) e situción negativa na que queda Galiza por terse pregado a Consellería de Medio Rural aos intereses de Ministerio de Agricultura, en vez de defender os intereses das explotacións galegas e do noso medio rural. Nesta mesma liña destacar que aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC, non haxa aínda programa.
No que ten a ver con outros sectores, sinalouse que a FRUGA acredita en que o futuro do sector vitivinícola e a supervivencia económica das explotacións e adegas galegas pasa polo respeito as normas de que nos temos dotado no seo dos Consellos Reguladores. Para a Fruga o futuro e a sostenibilidade do sector vai ligado ao futuro dos Consellos Reguladores e ao control dos rendememtos a través dos seus regulamentos. No sector da carne avaliouse o traballo desenvolvido pola denegación das axudas ás razas autóctonas en extensivo, a situación en Tenreira Galega e a problemática que está a darse en amplas comarcas galegas cos ataques da fauna salvaxe, tanto do xabarín como do lobo. Un especial interese tiveron os debates e traballos ao redor nas novas formas de produción que están a desenvolverse en Galiza e moitos proxectos e experiencias encamiñados á revitalización do noso mundo rural.
Na II Asemblea Nacional da FRUGA, debatemos e manifestamos a nosa total oposición á privatización dos Montes Veciñais e reclamamos a supresión destas “falsas débedas”. Igualmente amosamos o noso máis rotundo rexeitamento ao Tratado Transatlántico para o Comercio e os Investimentos (TTIP) que están a negociar clandestinamente a UE e os EUA e que suporá non só un duro golpe para o mundo rural galego e actividade agraria, se non tamén a eliminación de moitos dereitos sociais e a mercantilización dos servizos públicos.
Por último, FRUGA demandamos das administracións, nomeadamente da XUNTA, que se efectivice o noso recoñecemento coma organización representativa do sector agrogandeiro, e por extensión do medio rural. Procendendo a covocarnos ás diferentes mesas de negociación e sectoriais sobre os asuntos que lle competen.