NEN MEDIACION, NEN ARBITRAXE: NEGOCIACIÓN.

Boletín 1

 

FRUGA demanda a creación inmediata dunha interprofesional láctea galega.

 

Lugo, 16 de abril de 2015. Ante as noticias sobre sector lácteo aparecidas na prensa no dia de hoxe, dende a  Federación Rural Galega queremos manifestar a nosa postura sobre  a problemática que sufrimos actualmente @s produtor@s de leite galeg@s.

Dende FRUGA, sempre mantivemos a necesidade de organismos interprofesionais, nos cales estiveran involucrados tódolos axentes que participan no proceso de comercialización do leite, gandeiros, industrias e distribución.  Estes organismos interprofesionais pasan pola creación dunha interprofesional láctea galega, organismo que na última etapa o goberno do partido popular se encargou de liquidar, co beneplácito das principais organizacións profesionais agrarias galegas.

A día de hoxe fálase de Mediación, de Arbitraxe, e dende logo non se fala do principal punto que non é outro que a negociación. A administración galega mira para outro lado, e logo observamos declaracións como as da conselleira do Medio Rural, nas cales dí que a súa intervención pode ser contraproducente para un proceso negociador. O cal demostra unha falta de interese total por este sector, e un descoñecemento absoluto da problemática que sofren a día de hoxe @s produtor@s de leite galeg@s.

Os prezos actuais non cobren os custos de produción, a indefensión que sofren as explotacións galegas cando teñen que asinar un contrato, tradúcese en que se non asinas non tes garantías de recollida, e por outra banda os prezos son fixados de forma unilateral por parte da industria. A gran distribución segue a utilizar o leite como produto reclamo, vendo ofertas de leite a 0,29 euros, o cal repercute de forma directa no prezo que lle paga as industrias, e estas aplican as rebaixas @s gandeiros e gandeiras.

Ante esta situación de emerxencia que se vive no sector lácteo galego, dende FRUGA consideramos urxente a intervención directa da administración, que pasaría pola creación da Interprofesional Láctea Galega, e un inmediato proceso negociador, no cal a Consellería ten que ter un papel clave, que sirva para garantir uns prezos dignos para @s produtor@s de leite. Podemos falar de mediación, podemos falar de arbitraxe, pero primeiramente temos que falar de negociación, e de acordos que garantan uns prezos mínimos, e para elo é preciso un papel decisorio da propia administración galega, do contrario Galiza seguira a cobrar o leite por debaixo dos custos de produción e como tal seguiremos cos prezos mais baixos da UE.