MANIFESTO URXENTE EN DEFENSA DO LEITE GALEGO

foto_prensa

 

FRUGA insiste en que o goberno galego debe pasar das verbas os feitos, dando solución a agonía a que esta conducindo o sector lacteo.

 

Lugo, 14 de maio de 2015.  A Federación Rural Galega (FRUGA) xunto co  BNG-Asembleas Abertas ven de presentar nun acto público o “Manifesto en defensa do Sector Lácteo Galego”.

 

Xorde este manifesto coma reacción e reivindicación diante da grave situación na que se atopa o sector lácteo galego. Pretendemos que sexa o xermolo dun movemento amplo para a demanda de solucións inmediatas no sector, e non simplemente de boas palabras en época electoral. Queremos feitos, e non só anuncios.

Compre crear unha plataforma en defensa do leite galego, na que estean representados todos os ámbitos económicos e sociais implicados; dende os produtores ata a industria, contando tamén co conxunto do rural. Hai que deixar moi claro que o sector lácteo é un sector estratéxico da economía galega e precisa medidas excepcionais, como se ten feito con outros sectores.

Tratase dun manifesto urxente porque o sector atopase nunha situación limite. Compartimos a necesidade da organización e mobilización das persoas que viven, directa ou indirectamente deste sector que é unha parte fundamental da economía de moitas comarcas lucenses”.

 

Texto do Manifesto:

MANIFESTO NA DEFENSA SECTOR LÁCTEO GALEGO
Proposta de urxencia para soster o sector lácteo galego
É urxente porque o sector se atopa nunha situación límite este SOS en defensa do sector lácteo. Un chamamento a todas as persoas que teñen intereses directos ou indirectos no sector desde a certeza de que o único que pode mudar esta situación é súa organización e mobilización.

Son moitas as comarcas e concellos de Galiza nos que a súa actividade económica e social está directamente vinculada ao sector lácteo, e que polo tanto a súa propia supervivencia vai depender do devir dos e das explotacións lácteas.

Ante a percepción de esmorecemento das representacións vixentes cómpre que o pobo volva a confiar nas súas forzas. Para iso é preciso abrir un debate amplo e asembleario, que non peche as portas a ningunha persoa nin organización, nova ou vella, para erguer unha resposta colectiva ante esta emerxencia.

É imprescindible forzar ao goberno galego, sexa da cor que sexa, a que cumpra coa súa responsabilidade, como fai con outros sectores. Ten que intervir para normalizar as relacións entre as partes e non como agora decantarse polos máis fortes.

Isto só é posíbel desde a participación colectiva para o cal podería ser un ámbito de encontro unha plataforma en defensa do leite galego. Plataforma que aglutine as representacións de todos os colectivos afectados directamente (produtores e produtoras, industrias, autónomas e autónomos, comerciantes, maquinaria agraria, alimentación, servizos técnicos e veterinarios etc.) mais tamén a máis diversa e plural representación da sociedade rural, e non só, de Galiza.

Porén, no entanto cómpre adoptar con urxencia diferentes medidas provisorias para impedirmos a desfeita do sector lácteo galego.

Primeira: asumirmos con claridade e deixar patente diante de calquera poder que o sector lácteo é estratéxico para a economía galega e que precisa a adopción de medidas excepcionais como se fixo con outros sectores da economía.

Segunda: adoptar medidas mínimas que amortezan os estragos que está a provocar a nova situación de liberalización total de prezos e mercados. Como mínimo:
a) Posta en marcha da mesa do leite por parte da Xunta, con criterios non restritivos e coa máxima participación e transparencia, coa participación activa do Goberno Galego como catalizador dos acordos.
b) Elaboración dun contrato homologado do leite de Galiza para o cal instamos ao Goberno Galego a tomar a iniciativa na elaboración dunha proposta de contrato que inclúan mecanismos de garantía para os e as produtoras.

Terceira: Presentación dunha iniciativa lexislativa no Parlamento galego para establecer unhas normas de cumprimento dos contratos agrarios con vistas ao futuro. De non ser promovida polo Goberno e/ou os Grupos Parlamentares, ou
con independencia do que estes fagan podería ser un cometido de constituírse a plataforma do leite galego crear unha comisión promotora dunha iniciativa lexislativa popular con esta finalidade.

Cuarta: preferencia pola adquisición de produtos lácteos galegos naquelas actividades comerciais nas que interveña o Goberno Galego ou organismos dependentes do mesmo.

Quinto: apremar ao Goberno Galego a que utilice todos os instrumentos públicos, financeiros e administrativos para reforzar o irrelevante papel industrial de Galiza neste sector.