A FRUGA FAI UN CHAMAMENTO A TODA A POBOACIÓN DO RURAL E EN ESPECIAL A TODA A SÚA AFILIACIÓN PARA QUE PARTICIPE MASIVAMENTE ESTE 25 DE XULLO NA MANIFESTACIÓN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA CELEBRAR O DÍA DA PATRIA GALEGA

5016013_orig

 

A FRUGA como todos os anos vai estar presente na manifestación que se celebrar o 25 de xullo para conmemorar e reivindicar o día da Patria Galega.

 

O rural galego xa hai moitos anos que ven padecendo unha grave crise, sendo a mostra mais evidente da mesma a constante perda de poboación, o que hoxe se dá en chamar a crise demográfica galega, mas esta crise demográfica o que reflicte é a falta de alternativas económicas por parte do goberno galego. É significativo que as maiores perdas de poboación se dan no entorno rural; por algo será.

 

Neste días que andamos temos unha demostración do que estamos a falar; a situación do sector lácteo galego, gravemente ameazado por unhas políticas deseñadas desde afora e unha nula resposta por parte de quen ten a responsabilidade de defender os nosos intereses fronte o ataque dos mesmos; a Consellería do Medio Rural e do Mar e o propio presidente da Xunta de Galiza, que en todo este conflito permanece calado.

 

Galiza é a primeira potencia produtora de leite do Estado español e a novena potencia a nivel europeo. Sendo o Estado español un mercado deficitario en leite e derivado lácteos non se entende que na Galiza se cobren os prezos mais baixos e poderíase dicir insultantemente baixos, mesmo coa ameaza de que non cho recollan. Esta situación pode ter moitas explicacións mais o carecer Galiza de un foro propio de negociación explica a lei da selva que está a reinar nas relacións entre o sector produtor, o industrial e o comercializador, co beneplácito da Xunta de Galiza.

 

Fica claro que Galiza necesita contar con soberanía para ter capacidade de decisións sobre os sectores claves da súa economía, como neste caso o leite.

 

Por todo isto a FRUGA  fai un chamamento a toda a poboación do rural galego e en especial a toda a súa afiliación para que participe masivamente na manifestación unitaria que se vai celebrar este 25 de Xullo ás 12h da mañá desde a Alameda de Santiago de Compostela para reivindicar a soberanía para a Patria Galega.