A PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO INICIAMOS MAÑÁ SÁBADO 1 DE AGOSTO EN SANTA COMBA UN INTENSO CALENDARIO DE PROTESTAS

santa comba

 

A Plataforma, da que forma parte activa a FRUGA, nace co obxectivo de dar unha resposta social ante a grave crise que a travesa o sector leiteiro galego, así como mobilizar e sensibilizar a poboación dos graves problemas que atravesa o sector.

 

A Plataforma pola defensa do sector lácteo galego iniciará este sábado, 1 de agosto, en Santa Comba, un intenso calendario de mobilizacións a desenvolver nas principais comarcas produtoras do país, que culminarán no mes de setembro cunha gran marcha en Compostela.

Fronte a situación de emerxencia na que se atopa o sector leiteiro galego tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura –nas reunións mantidas con representantes do sector-  só achegaron vaguidades e propostas inadecuadas para facerlle fronte á situación

Fronte a este deixamento, dende a Plataforma estanse promovendo reunións con representantes dos concellos das principais comarcas leiteiras e representantes de organizacións e asociacións de produtores/as, consumidores/as, fabricantes de penso, cooperativas, sindicatos, partidos políticos, etc., co obxectivo de concertar medidas para sensibilizar e mobilizar a toda a sociedade “até que as administracións tomen medidas eficaces”.

O calendario de protestas por comarcas acordado até agora (á espera de concretarse polo miúdo o desenvolvemento de cada mobilización) é:

– Xallas:  1 de agosto. Realizarase unha concentración de tractores no multiusos de Santa Comba ás 12 horas. A partir das 13 horas sairase en manifestación até o Concello, onde se dará lectura a un manifesto reivindicativo. Así mesmo, os comercios de todos os municipios da comarca pecharán de 12 a 14 horas.

– Chantada: 6 de agosto. Haberá concentración de tractores no campo da feira de Chantada ás 12 horas, con posterior recorrido polas principais rúas. Ás 13 horas, dende a feira, partirase en manifestación até a Casa Consistorial, onde se lerá  o manifesto reivindicativo. Os comercios tamén pecharán en todos os concellos da comarca de 12 a 14 horas.

– Deza: 11 de agosto.

– Meira: 20 de agosto.

– Sarria: 27 de agosto.

– Curtis: 3 de setembro.

Estas mobilizacións culminarán o 10 de setembro, cunha gran marcha sobre Compostela.

Gravísima situación do sector

Dende a Plataforma denúnciase que mentres a conselleira relativiza o problema e se atreve a dicir que a situación non é tan grave, as gandeiras e os gandeiros galegos están vendo como se levan o seu leite baixo ameaza de deixarllo de recoller e páganllo a prezos que non cobren os custes de produción.

Ao tempo, noutros países como Francia, dándose un problema de prezos e rotura de mercado moito menores, si se están a adoptar medidas eficaces para solucionar o problema con carácter urxente, “poñendo 600 millóns de euros e chegando a acordos coa industria e a distribución para mellorar os prezos dos gandeiros e gandeiras”.

Neste senso, dende a Plataforma destácase que resulta evidente que “o esforzo que levan feito tantos anos os nosos gandeiros e gandeiras para converterse en punteiros nun sector tan complicado, non está sendo acompañado por unha administración á altura das circunstancias”.

Medidas propostas para o curto prazo:

1.1     Garantir a recollida de todo o leite producido e prezos  que cubran os custes de produción.

1.2    Cuantificación do excedente lácteo e xestión do mesmo a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e envío a axuda humanitaria.

1.3    Mecanismos para clarificar os movementos do leite e derivados no mercado supervisado polo ministerio, con balances mensuais áxiles. O mesmo tempo, poñer en funcionamento medidas para compensar os posibles desequilibrios do mercado, con implicación da Fenil.

1.4    Posta en marcha inmediata de medidas de acompañamento do paquete lácteo, que fagan áxil a defensa xurídica nos casos de incumprimento dos contratos.

1.5    Posta en valor do leite con orixe galego, pasteurizado e ecolóxico e impedir o uso que está facendo a distribución do leite como produto reclamo.

As propostas para o medio prazo son:

2.1    Regulación da figura dos primeiros compradores de modo que sexan verdadeiros operadores loxísticos que acheguen valor na cadea e non meros intermediarios.

2.2     Necesidade de recuperación do consumo.

2.3    Estabilizar as relacións entre os distintos axentes da cadea láctea.

2.4     Posta en valor da Lei da cadea alimentar.

2.5     Aposta por unha verdadeira negociación colectiva dos elementos do contrato a través das organizacións de produtores tal e como o paquete lácteo permite.