FRUGA DENUNCIA QUE O PP DE FEIJOO E O SEU GOBERNO SON UNHA AMEAZA PARA O LÁCTEO GALEGO.

11728784_845502512166046_6967882387947256532_o

 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2015. O sector produtor de leite da Galiza levamos varios meses sendo vítima dunha prolongada crise. Crise de prezos que ven de ben tempo atrás cando na Galiza xa hai moito tempo se cobra o leite mais baixo que en ningunha zona do Estado español, sendo o prezo medio do Estado dos mais baixos da UE.

 

Coa escusa da supresión do sistema de cotas lácteas, a partir do 1 de abril deste ano, as industrias que operan na Galiza aproveitaron esta situación para impor unhas condicións leoninas ás explotacións galegas, baixando aínda mais os prezos, establecendo topes de produción (cotas encubertas) e mesmo modificando ou inventando falsos parámetros de calidade do leite coa intención de poder facer descontos sobre o prezo base de partida, entre outras.

 

Perante desta situación a FRUGA, xunto co BNG, o 14 de maio presentamos nun acto público, en Lugo, o “Manifesto en defensa do Sector Lácteo Galego”, no que se facía un chamamento a todas as persoas con intereses neste sector e a toda a poboación galega en xeral a constituír unha Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.

 

A finais do mes de xuño a situación aínda se complica mais cando varias granxas leiteiras, ao longo de todo o País, se viran obrigadas a deitar o seu leite na fosa de xurro porque a empresa que llo recollía se negou a levalo.

 

O dia 6 de xullo ten lugar unha reunión de alcaldes, no concello de Boimorto, para mostrar o seu apoio ao rural galego e en concreto ao sector produtor de leite, e o 7 constitúese a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego que convoca unha manifestación para o dia 17, manifestación que foi todo un éxito de participación. Mobilizacións que continúan agora por todas as comarcas leiteiras da Galiza, sendo a primeira a grande tratorada do dia 1 de agosto celebrada en Santa Comba e que vira seguida da do dia 6 en Chantada e as previstas no Deza, A Terra Chá, Sarria e Teixeiro, rematando nunha grande tratorada sobre Santiago de Compostela a primeiros de setembro.

 

Perante destes acontecementos a reacción da señora conselleira foi a de negar o problema, insultando a todo o sector produtor, mas a cousa non ficou por aquí, recentemente o portavoz do grupo parlamentar do PP no Parlamento Galego, Pedro Puy, reafirmábase nesta mesma postura e o Presidente da Xunta da Galiza, señor Feijoo aínda non se dignou a dicir unha palabra sobre este grave problema para a economía galega e para o rural en concreto. O que si sabemos é que ao alcalde de Boimorto, que tomara a iniciativa de convocar a reunión de alcaldes para denunciar esta situación, o PP de Feijoo lle vai presentar unha moción de censura por defender aos e ás labregas galegas. Esta é a única actuación coñecida do presidente Feijoo para con os problemas do rural galego.

 

Por todo o exposto para FRUGA  o PP de Feijoo e o seu goberno son unha ameaza para o rural galego e o que lle pedimos é que cambie de actitude e se poña ao fronte para defender o sector produtor de leite como fan outros gobernantes en Europa, caso de Francia.