Para unha saída á crise do sector lácteo, Galiza ten que decidir.
A manifestación sairá as 12:00h da Alameda de Compostela para rematar en San Caetano.
Galiza é a primeira potencia produtora de leite de todo o Estado español. Galiza supón o 40% da produción total de leite do Estado e temos mais do 50% das granxas. Galiza é a novena rexión europea na produción de leite de toda a Unión Europea. O Estado español é un estado deficitario en leite e derivado lácteos, todos os anos ten de importar mais de 1 millón e medio de toneladas para abastecer as necesidades do seu mercado.
Os produtores e as produtoras de leite na Galiza estamos padecendo unha grave crise.
Estannos a pagar polo nos leite o prezo mais baixo de todo o Estado español e mesmo dos mais baixos da Unión Europea, moitos de nós estamos cobrando o leite a 18 céntimos cando para producir un litro de leite temos de gastar 34 céntimos. É dicir que cando vendemos un litro de leite estamos perdendo 16 céntimos. Estannos a ROUBAR co consentimento dos nosos gobernantes.
As cotas desapareceron e dixéronnos que a partir dese momento podiamos producir o que foramos capaces. Isto non é certo porque as empresas estannos a impor topes de produción tomando como referencia as cotas que tiñamos antes de estas desaparecer, mesmo coa ameaza de non nos recoller o leite se nos pasamos, mentres en outras zonas do estado están animando a producir mais, por exemplo en Castela – León ou en Andalucía.
Perante desta situación os nosos gobernantes, tanto da Xunta como do Goberno central, están a apoiar ás industrias e á gran distribución, maioritariamente de capital francés, encontra nosa. Parece que se lle quere entregar o mercado lácteo español aos franceses e para iso teñen que se desfacer do sector produtor lácteo de Galiza.
O sector lácteo galego é un sector estratéxico para a economía galega, para o defender son necesarias as seguintes medidas urxentes:
1.- Garantir a recollida de todo o leite producido a prezos que cubran, cando menos, os custes de produción.
2.- Posta en marcha de unha mesa de negociación do leite na Galiza, na que participen todos os axentes: produción, transformación, distribución e administración. Esta mesa tería a función de chegar a acordos firmes e estábeis que permitan regular o mercado mesmo a través de mecanismos de intervención co fin de evitar situacións como a actual.