FRUGA FAI UNHA VALORACIÓN NEGATIVA DO ACORDO ASINADO EN MADRID

img_4be7b288108fbee743d214f8bdbf97a85b463ca2

 

Os gobernos do PP, tanto en Madrid como en Galiza, póñense do lado das industrias e distribuidoras e non dos gandeiros e gandeiras.

FRUGA non descarta novas mobilizacións nos próximos meses.

 

A valoración que dende FRUGA facemos sobre o acordo asinado en Madrid por parte dalgunha organización sindical, xunto con representantes da industria e da distribución, é totalmente negativa, na medida en que non serve para corrixir as importantes perdas que está a sufrir o sector lácteo galego como consecuencia da baixa de prezos.

 

O documento que se presenta para asinar, non contempla ningún tipo de medidas, que permitan garantir que os gandeiros galegos cobremos un prezo que nos permita cubrir os custos de produción. Fálase de prezos que garanta a sostenibilidade das nosas explotacións, pero sen ningún tipo de baremo que permita establecer ditos prezos.

Igualmente o documento fai referencia a marxes dos distintos eslabóns da cadea alimentar, sen ningún tipo de compromiso de que esas marxes repercutan na parte produtora. Analizando este acordo chegase á conclusión de que estamos ante un documento que só é unha declaración de intencións, o igual que outros documentos que se teñan asignado noutros momentos sen que servisen para frear a caída de prezos. Calquera tipo de incumprimento deste acordo, non supón que a parte incumpridora vaia a sufrir sancións ou apercibimento algún.

 

Vemos igualmente como este acordo non vai contribuír a que desaparezan do mercado unha serie de contratos “lixo”, con prezos inferiores os 0,24 euros, e cousas semellantes, co cal non serve para solucionalo problema que sufre o sector neste momento.

 

Igualmente dende a FRUGA defendemos que calquera acordo que se asine, debe contemplar unha mesa de seguimento en Galiza, xa que estamos a falar que neste país, se produce mais do 40% do total do leite do estado español, e o mesmo tempo temos mais do 60% dos gandeiros do conxunto do estado.

 

Tras as mobilizacións que tiveron lugar en datas pasadas, puidemos comprobar como se deron os primeiros movementos na industria e na distribución, por parte da primeira algunhas empresas están a retirar os contratos á baixa, e por parte da distribución podemos observar como están a anunciar as primeiras subidas de prezo nos seus lineales, e esperemos que estas subas se traduzan no prezo que se lles paga os gandeiros. Así pois é evidente que a mobilización do sector si serviu e serve para forzar respostas na industria, na distribución e na administración.

 

Mais comprobamos como unha vez máis o goberno do PP prégase aos intereses das industrias e non defende aos gandeiros e gandeiras. Dende a Federación Rural Galega, e en vista do acontecido imos estar vixiantes co que pase nos próximos días e, en interlocución co sector, non descartamos novas mobilización no próximo mes .