PEDIMOS A CREACIÓN NA GALIZA DUNHA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO ASINADO EN MADRID

foto Dacal Escariz_page1_image1

 

Representantes da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego rexistran, na Xunta de Galiza, unha solicitude para formar na Galiza unha comisión de seguimento do acordo de Madrid.

 

Galiza fica terribelmente discriminada nas axudas estatais para compensar os baixos prezos soportados polas granxas leiteiras.

 

Desde a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego queremos que haxa unha retroalimentación permanente de todo o que está pasando. Pretendemos que exista un seguimento do novo contrato tipo e do decreto de garantías que se está desenvolvendo no seo da INLAC. Pola nosa banda informaremos á Administración de todos os incumprimentos que se detecten do asinado no acordo, especialmente dos primeiros compradores que quedaron fóra do mesmo.

Como exemplo indicar que hai industrias que se comprometeron a retirar os contratos á baixa e  polo tanto axiña que detectemos que seguen utilizando estes contratos á baixa serán denunciadas, posto en coñecemento da opinión pública e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que foi quen que se converteu, nas súas propias palabras, en garante deste acordo de Madrid ao non existir decreto de garantías.

A maiores de información sobre devandito proceso de negociación, temos interese por coñecer accións puntuais como o decreto do reparto das axudas de 300€ por vaca recentemente publicado. A este respecto hai unha serie de gandeiros que estiveron cobrando o leite, durante moito tempo, moi por baixo do promedio estatal e que esta axuda resultaría unha boa medida para intentar compensar dita situación.

O coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA) e membro da Plataforma, Manuel Dacal, sinala que en relación a que se coñece das axudas dos 300€ se confirman as peores expectativas e un trato discriminatorio terríbel cos gandeiros e as gandeiras de Galiza con respecto a outras zonas. Aquí vaise a ter como referencia para o cobro das axudas ás explotacións que cobraron 0,24€ por litro de leite, en cambio en Andalucía o prezo referencial vai ser de 0,31€. Así pois, no sur serán máis os produtores que poderán acceder a esta axuda en detrimento dos de Galiza.

Dacal sinala que resulta curioso que sexan os gandeiros galegos os que encabezaron as protestas, as mobilizacións e os que exerceron máis presión para poñer en coñecemento da opinión pública e das administracións a existencia dun problema grave no sector lácteo, que se negaba desde o Ministerio e desde a Xunta e que, ao final, os que se van a beneficiar desta presión van ser outros. Considera esta situación como moi gravosa e inadmisíbel, e esixe a Feijóo que exerza as súas responsabilidades como presidente galego e que defenda os intereses dos gandeiros galegos. Sinalou finalmente que o que “queremos son prezos xustos, non esmolas que son pan para hoxe fame para mañá. Nós loitamos por uns prezos xustos que garantan os custos de produción”.