FRUGA comparte coa nova conselleira a preocupación polo incumprimento do acordo lácteo de Madrid.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2015. Desde a Federación Rural Galega – FRUGA valoramos o cesamento da conselleira do medio rural, Rosa Quintana, por parte do presidente da Xunta como un recoñecemento explícito de que o goberno galego ten un problema sen resolver co rural galego e nomeadamente co sector lácteo en particular, mas non só, xa que os problemas do rural galego reflíctense no despoboamento do mesmo e teñen a súa máxima expresión nos incendios que asolan os nosos montes todos os veraos que non chove.
A señora conselleira cesada mostrou a súa incapacidade para defender ao sector produtor de leite da Galiza perante a crise que este está a padecer, chegando a defender os intereses do sector produtor andaluz e menosprezando os nosos. O seu cesamento é un intento de resposta do señor Feijoo para calmar as protestas dos últimos meses.
Mas tamén mostrou un total desinterese polo resto dos sectores produtivos como o de vacún de carne que ten totalmente abandonado ao non convocar a mesa interprofesional desde que ela se fixo cargo das responsabilidades da consellería de Medio Rural, parecido tratamento sufriron o resto de sectores como o vitícola, o hortícola, o ovino ou o cabrún, sen esquecer os ataques que están a sufrir os nosos montes e sobre todo o monte veciñal en mao común. A súa ineficacia ten outra mostra mais na incapacidade para acordar co sector o Plano de Desenvolvemento Rural de Galiza, que lle foi devolto por Bruxelas.
Para FRUGA o nomeamento da nova conselleira, Ánxeles Vázquez, non presaxia un cambio de rumbo nas políticas desta consellería. Sendo alcaldesa de Melide destacouse como un bastión contra as mobilizacións dos gandeiros e gandeiras de leite da Galiza, rexeitando toda interlocución coa Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego.
Mas si compartimos con ela a preocupación polo incumprimento do acordo lácteo de Madrid. A dia de hoxe, e cando xa ten entrado en vigor, estamos pendentes de que se coñezan as orientacións do Decreto de garantías que ten de elaborar o Ministerio de Agricultura e tamén nada se sabe do contrato-tipo. É dicir nos aspectos claves o acordo non se está cumprindo.