O obxectivo é conseguir que de xeito unánime se respalde tanto a nivel galego como estatal un paquete de medidas urxentes que garantan as condicións necesarias para que as granxas galegas podan seguir desenvolvendo a súa actividade.
Santiago, 11 de febreiro de 2016. Ante a crise sen precedentes que están atravesando as persoas produtoras de leite e mesmo a perspectiva dun posible empeoramento da situación nos vindeiros meses (ameazas de abandono de recollidas, baixos prezos…) a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego considera inaprazable a posta en marcha dun programa urxente de medidas de apoio ao sector.
As industrias lácteas e empresas de distribución, que incrementaron a súa posición dominante na cadea nos últimos meses, están a imporlles ás granxas galegas unhas condicións particularmente abusivas (prezos máis baixos ca en calquera parte do estado, fórmulas arbitrarias de pagamento con prezos de leite pó, ameazas de non recoller mentres importan de fóra gran cantidade de cisternas de leite ou produto lácteo envasado, deslocalización da produción e fomento de incrementos noutras zonas, boicot ao desenvolvemento dunha cadea de valor sostible, con prezos e condicións xustas para a parte produtora, etc.).
Diante de todo isto e dada á importancia fundamental que a produción de leite ten en Galiza, con 9.132 granxas, que representan o 56% de todas as que hai a nivel estatal, dende a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego iniciaremos a partir de hoxe unha rolda de contactos con todos os grupos políticos para que conseguir que de xeito unánime se respalde tanto a nivel galego como estatal un paquete de medidas urxentes que garantan as condicións necesarias (garantía de recollida, prezos sostibles, eliminación de impagos e de contratos abusivos, seguimento do leite que se paga a prezo de pó, control ordenado dos excedentes…) para que as granxas galegas podan seguir desenvolvendo a súa actividade, e seguir xerando os miles de empregos directos e indirectos que dependen do sector. Destacamos así mesmo a necesidade de que Galiza conte con un foro ou instrumento de negociación propio coa presenza de todas as partes do sector implicadas e coa participación activa da administración galega. Non tomar as medidas oportunas ou demorar a posta en marcha das mesmas, meténdonos nas primavera con unha situación actual de excedentes agravada e os baixos prezos que están padecer as granxas, pode ter consecuencias fatais como a ruina de miles de familias.