A normativa estatal permite ás comunidades axustar o período de control ás condicións agroclimáticas da zona, prerrogativa da que non fixo uso a nosa consellería.
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016. O pasado 1 de febreiro a Consellería do Medio Rural emitía unha nota de prensa na que viña a dicir que “de acordo coa Orde da Xunta de 29 de xaneiro, pola que se regulan os pagamentos directos da campaña 2016 vaise evitar ter que deixar de cultivar superficies de millo para deixalas a barbeito”.
E isto non vai ser así. A normativa xeral establece que as granxas que superen as 10ha teñen de facer diversificación de cultivos, é dicir teñen que ter 2 ou mais cultivos sobre o terreo, e aquelas que superen as 15ha teñen que destinar a maiores un 5% do seu terreo a Superficies de Interese Ecolóxico (SIE). Para comprobar o cumprimento destas condicións establece a norma un período de control, e é aquí onde reside o problema.
O Real Decreto que regula estas axudas determina que o período de control estará comprendido entre maio e xuño, mas permite ás comunidades autónomas axustalo ás condicións agroclimáticas da súa zona. Cousa que fixo Asturias, establecendo-o entre os meses de xaneiro e maio, Galiza pola contra non fixo uso desta prerrogativa, ficando establecido entre maio e xuño ao igual que a normativa española sen o adaptar ás peculiaridades das practicas agrarias da maioría das nosas granxas, fundamentalmente de leite.
Que implica isto? De establecer como período de control entre xaneiro e maio o cultivo que se vai encontrar sobre o terreo vai ser o de pradeira e a normativa especifica que se mais de 75% do terreo de cultivo produce herba fica exento de facer diversificación de cultivos, co que na primavera pode dedicar a millo toda a superficie que considere necesario. No caso de facer a inspección entre maio e xuño o cultivo principal que vai haber sobre o terreo vai ser o millo, que, loxicamente, non ten a consideración de cultivo de herba polo que, neste caso, rexerá a obriga de facer diversificación de cultivo o que implica que o cultivo de millo non pode ocupar mais do 75% do total da superficie cultivada. É aquí onde está a grande restrición que teñen que padecer as nosas granxas por culpa de a Consellería non facer uso da liberdade que lle dá a norma para elixir o período de control.
A nivel económico, segundo estudos feitos en Mabegondo, significa que se un agricultor/a se ve na obriga de comprar a forraxe que non pode producir nas súas terras, terá de facer fronte a un gasto, por cada hectárea que deixe de cultivar a millo de entre 170 e 200€ para manter o mesmo nivel alimentario da súa granxa.