O sector lácteo galego esixe solucións urxentes para as granxas ás que lles deixan de recoller o 1 de abril
A Plataforma pola defensa do sector lácteo galego fai un chamamento a todas as persoas, que dun xeito directo ou indirecto dependen da produción de leite, así como á sociedade en xeral, para que participen este xoves 31 de marzo, ás 11:30 da mañá, na concentración que terá lugar diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano. Esiximos solucións inmediatas para todas as granxas que hoxe non teñen garantida a recollida do leite, así como a posta de medidas urxentes que leven a unha recuperación inmediata de prezos no conxunto do sector.
Nun contexto no que un bo número de granxas non teñen nin garantida a recollida do seu produto a día 1 de abril, esiximos que se desenvolva de xeito urxente o acordo do setembro, dotando de contido e garantías, para que finalmente se cree unha cadea de valor con unha sostibilidade real, na que elemento fundamental ten que ser a marxe necesaria de prezo para que a xente gandeira poda desenvolver a súa actividade e ter unha vida digna.
Esiximos a intervención inmediata do presidente Feijoo con respecto á situación crítica que está a vivir o sector lácteo e lembramos que el mesmo se presentou en setembro como garante de cumprimento do acordo. O goberno galego debe ter unha actuación contundente fronte ás ameazas de deixar de recoller e os baixos prezos ás que están sometidas as ganderías galegas por parte das industrias, e esixir responsabilidades ao propio Ministerio, que esta mesma semana chegou a admitir o fracaso total da súa política con respecto ao sector, chegando ao extremo de “augurar” o peche de 5.000 granxas de leite nos próximos 5 anos.
Fronte ao fracaso das medidas tomadas polo Ministerio e ás sucesivas declaracións de intencións, centos de granxas galegas seguimos a percibir os prezos máis baixos do estado e da UE. As subas aplicadas ás persoas consumidoras por parte da Distribución en ningún caso están a supor unha mellora no prezo que recibimos as persoas produtoras. É posible que o acordo de setembro impulsado polo Ministerio sirva para que as grandes cadeas de distribución obteñan os maiores beneficios da súa historia coa venda do leite, mentres que se condena á desaparición a miles de granxas de leite galegas, debido aos prezos ruinosos. Aproximadamente 500 granxas galegas xa se viron obrigadas a pechar no último ano.
Malia a que na propia Interprofesional Láctea se aceptara unanimemente un modelo de cadea de valor con referencias de prezo mínimas para cada parte, o Ministerio caracterizouse pola falta de vontade para asegurar a aplicación real das marxes acordadas, para garantir que non se vulneren os dereitos das persoas produtoras con contratos e condicións abusivas, a transparencia e a trazabilidade, acabar coa posición de dominio da industria e da distribución na cadea de valor, e mesmo a eliminación de prácticas desleais como a importación de queixos, produtos lácteos e mesmo leite líquido por debaixo de custos de produción.
As referencias do estudo da Inlac deben ser aplicadas con carácter urxente e débese garantir unha información transparente na configuración dos prezos en todos os produtos, prezos de adquisición e de cesión, así como a trazabilidade total nos diferentes destinos do leite, en particular do leite que se paga como leite en pó ou para a intervención.
Debe garantirse a recollida en todas as granxas, con mecanismos de regulación da produción que non sexan impostos unilateralmente por cada industria, A regulación debe facerse a escala europea e estatal, garantindo prezos xustos para todas as granxas, evitando a deslocalización da produción ou o incremento de excedentes que tiren os prezos.
Debido á importancia social e económica, resulta imprescindible a constitución dun Foro galego de negociación entre as organizacións de persoas produtoras, as cooperativas, a industria e a distribución, coa intermediación da Administración Galega.
Esta concentración conta co apoio de todas as organizacións que forman parte da Plataforma pola defensa do sector lácteo galego (grupos comarcais de gandeiros, Agaca, Gandeiros de Mazaricos, Fruga, OPL, Oruga, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias), así como coa participación de representantes de AgroMuralla.