Desde a FRUGA apostamos por unha redistribución da produción a nivel europeo partindo da vocación leiteira do territorio e non en base aos dereitos históricos.
Lugo, a 18 de abril de 2016. Como consecuencia da crise que se vive nos últimos tempos no sector lácteo galego, estase a falar da redución da produción, como unha das únicas solucións posibles para poder superar esta etapa de baixos prezos que estamos a sufrir os gandeiros e gandeiras galegos.
Desde FRUGA, non entendemos como se pode falar da redución da produción nun estado deficitario, como é o estado español, que a día de hoxe só produce o 75% do seu consumo, sendo constante e continúa a entrada de leite de fóra, tanto no que respecta a produtos elaborados, como no que respecta a entrada diaria de cisternas foráneas con leite liquido.
Calquera tipo de medidas destinadas a redución da produción, deben ser levadas a cabo no ámbito da Unión Europea, tendo en conta ademais, que unha boa parte dos estados europeos, son excedentarios. A dia de hoxe, sería mellor comezar a falar da redistribución da produción, xa que do contrario, todo litro de leite que se deixe de producir no estado español, vai vir doutro estado, e cada litro de leite que deixe de producir na Galiza, pode ser producido, por en Francia, Alemaña ou Irlanda, sobre todo por estes últimos estados que xa teñen manifestado a súa oposición a aplicar esta medida nos seus estados. Irlanda acrecentou a súa produción nu último ano nun 30%.
Desde a FRUGA apostamos por un control da produción e por unha redistribución da mesma en función da vocación produtora de cada unha das zonas de Europa, así como tendo de conta o balanzo produción/consumo dentro dos Estados da UE e atendendo a criterios de carácter social.
Na actualidade, os volumes de produción son regulados en función das necesidades da propia industria, dándose casos como que poidan quedar explotacións sen ter quen lles leve a súa produción. E o mesmo tempo, podemos comprobar como en Galiza a maior parte das industrias, están a aplicar algún tipo de redución da produción, e noutras partes do estado permiten aumentos de produción para os seus gandeiros.
Realmente as medidas de redución da produción no estado español, semella que responden mais a estratexias, de entregar o mercado lácteo a industria e distribución foránea, lonxe de intentar traballar por un sector competitivo, que mantén un importante número de familias, tanto de forma directa como indirecta.