AS POLÍTICAS NEOLIBERAIS APLICADAS POLA UE, CO CONSENTIMENTO DOS GOBERNOS ESPAÑOL E GALEGO, CONDENAN A DESAPARECER AO SECTOR LÁCTEO

Tejerina

 

 

 

 

 

FRUGA denuncia que a consellería do medio rural carece de un plan estratéxico para o lácteo galego

 

 

 

Lugo, 20 de maio de 2016. Recentemente ven de se celebrar en Bruxelas unha reunión das autoridades comunitarias (ministros e ministras dos distintos gobernos da UE) para tratar a crise do sector lácteo e as novas que nos envían son totalmente dealentadoras. Demostran mais unha vez a falla de interese, tanto das institucións europeas como do goberno español e galego, por solucionar a grande crise que está a padecer o sector lácteo, sector clave para a economía galega, que de non lle pór solución mesmo pode acabar coa produción de leite en Galiza.

 

Pese ao comisario de agricultura da UE, Phil Hogan, recoñecer que “a situación é moi grave”, a Comisión Europea limitase a seguir profundizando nas súas políticas de libre mercado, impedindo a intervención pública, o que está a provocar unha sangría nos prezos coa conseguinte desaparición dun importante número de explotacións lácteas. A dia de hoxe en Galiza, xa non chegamos ás 9000 ganderías dedicadas a produción de leite.

 

Existe grande consenso entre o sector produtor da UE a respecto de cales son as medidas a adoptar. Estas pasan  por a UE implementar mecanismos de intervención que permitan regular os prezos, e non por lle pasar a pelota aos estados membros, co único fin de que cada quen poña en practica reducións da produción segundo a súa conveniencia. Se esta redución da produción non se realiza a nivel europeo, somentes conseguiremos que os estados  excedentarios transfiran os seus excedentes aos deficitarios, caso do estado español. O que pode implicar que a produción de leite no estado español, e especialmente na Galiza, vexa ameazada a súa supervivencia.

 

Desde a Federación Rural Galega, demandamos unha intervención clara das administracións, que permita regular a produción, con volúmenes mínimos que permitan vivir do leite, e con prezos dignos que permitan cubrir os custos de produción, redistribuíndo os dereitos de produción entre os estados membros, tendo de conta o balanzo produción-consumo, así como atendendo a criterios sociais e de falta de alternativas produtivas e non en base aos dereitos históricos.

 

Para iso é preciso que tanto o Ministerio como a propia Xunta de Galicia, fagan os seus deberes, por unha banda presionando nas instancias da Unión Europea e por outro lado deseñando un plan estratéxico para o sector lácteo Galego.

 

Este Plan estratéxico debe ter en conta a necesidade de ir consolidando un gran grupo lácteo galego, como existe noutras partes do estado, contrariamente ao que está sucedendo actualmente no que observamos como se están a multiplicar as iniciativas comercializadoras, que mesmo se poden converter en reinos de taifas enfrontados entre si competindo polo mesmo mercado. O que se necesita é un plan estratéxico que coordine as distintas iniciativas e lles de unha orientación na consecución de maiores volúmenes de litros e na diversificación da produción.

 

Esperamos que no futuro o goberno galego, empece a tomar o sector lácteo como un asunto de estado, algo clave no futuro deste país, do contrario un importante número de gandeiros e gandeiras galegas, veranse abocados a pechar.