Os supostos incentivos pola redución da produción láctea no último trimestre do ano, non van supoñer ningún tipo de avance no que respecta a situación que vive actualmente o sector lácteo galego.
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016. A Federación Rural Galega-FRUGA, considera que as novas aparecidas nestes últimos días, en relación a supostos incentivos pola redución da produción láctea no último trimestre do ano, non van supoñer ningún tipo de avance no que respecta a situación que vive actualmente o sector lácteo galego. Estamos a falar dun incentivo que se vai aplicar de forma lineal a tódolos estados a Unión Europea, tanto no que respecta a estados excedentarios, como no caso do estado español, no cal non se produce o suficiente para o consumo interno. Tendo en conta que tódolos estados da Unión Europea se van beneficiar desta situación, o único que se pode conseguir é que os estados excedentarios se fagan con novos mercados a costa da redución da produción nos estados defecitarios.
Dende a Federación Rural Galega, consideramos que a Unión Europea, ten que levar adiante un proceso de redistribución da produción, e se alguén ten que realizar procesos de redución da súa produción, estes deberán ser os estados que a dia de hoxe están serrando excendentes en relación co seu consumo interno, é dicir, estados cunha produción excedentaria.
A política da Unión Europea no que respecta ó sector lácteo, pasa pola intervención pública da administración, a través de mecanismos que permitan regular a produción, e o mesmo tempo que permitan fixar un sistema de prezos que cubra os custos de produción. Se non partimos da base da intervención da administración na fixación das regras de xogo, que regulen as relacións de produción entre os distintos axentes que compoñen a cadea de valor, vai resultar cada día mais complicado chegar a ter uns prezos xustos para o noso leite.
Ata o momento, tódalas medidas postas en marcha por parte das distintas administracións, non contribuíron para nada en resolver a difícil situación que están a vivir a explotacións de leite galegas. Foron un absoluto fracaso é so serviron para reducir o número de gandeiros dedicados a produción de leite, e para empeorar a situación dos que seguiron producindo leite.