LACTALIS impón as súas propias condicións ás granxas que lle venden o seu leite

1442243595_516804_1442301747_noticia_fotograma

 

 

Aquí non se respeta nada e ninguén fai respetar nada

 

 

Lugo, a 27 de xullo de 2016.- Nestes días o departamento de compras e mercados da multinacional de orixe francés LACTALIS está presentándolle o contrato ás granxas que lle subministran o seu leite. Non debemos esquecer que esta é a primeira empresa en volume de recollida e en número de explotacións que opera na Galiza

 

Da lectura do modelo de contrato proposto por esta multinacional dedúcense as seguintes conclusións:

 

Primeira, que este contrato non responde a ningunha negociación entre as partes, se non que é unha pura imposición da empresa compradora, xa que de non aceptar as súas condición o dia 1 de agosto xa non che ven a recoller o leite.

 

Segunda, que os prezos que impón a empresa seguen á baixa, partindo de un prezo inferior ao prezo medio pagado na Galiza, que xa é o mais baixo de todo o Estado español, co agravante de lle aplicar unha porcentaxe de redución tomando como referencia a baixada producida na Galiza entre xaneiro e maio de 2016, resultando esta baixada nun 4,14%.  Así temos que o contrato parte de un prezo de 0,27€/l, mas ao lle aplicar a porcentaxe de baixada o prezo final fica en 0,2588€/l.

 

Por outra parte, tal como indica a cláusula quinta deste contacto, a empresa dispón de dous meses de leite sen estar obrigada a llo pagar á granxa subministradora, xa que neste punto se establece que o pagamento da factura mensual se fará efectivo o último día hábil do mes seguinte.

 

Terceira. Para mais escarnio LACTALIS impón unha cláusula que non figura no Modelo de Contrato de subministro de leite de vaca, elaborada pola INLAC (Interprofesional Láctea española), no marco do Acordo Lácteo de Madrid, de 29 de setembro do ano pasado. De acordo coa mesma as partes asinantes do contrato obríganse a non revelar o contido das condicións do mesmo, estendendo esa obriga durante un período de dous anos desde a súa finalización.

 

Desde FRUGA consideramos que este modelo de contrato é un abuso absoluto por parte de LACTALIS pelo que demandamos ás administración galega e española que actúen e obriguen á empresa a retirar estas condicións leoninas, que mesmo, ao noso entender, atentan contra a liberdade de sindicación da parte mais débil da chamada cadea de valor do leite.

 

Prezos mais baixos que os que rexen na Galiza coa ameaza de non recollida no caso de non aceptar as condicións e por riba atentando contra a liberdade de organización e defensa dos intereses do sector produtor, este é o modelo de relacións que impón a multinacional de orixe francés, LACTALIS, sen que as administracións interveñan para defender a parte mais débil do sector lácteo galego.

 

Do exposto até aquí, desde a FRUGA extraemos a seguinte conclusión; que o Acordo pra a Estabilidade e Sostibilidade da Cadea de Valor do Sector de Vacún de Leite de setembro pasado é papel mollado e que todo foi un teatrillo para desmobilizar ao sector lácteo galego.