A Consellería demorou en mais de un mes e medio a publicación desta orde.
PonteVedra, 23 de setembro de 2016 – O DOG ven de publicar hoxe a Orde pola que se adopta a decisión favorável en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo”.
Curiosamente esta publicación producese en plena campaña electoral. Todo o proceso regulamentario, de publicidade e alegacións, rematou o pasado dia 31 de xullo polo que a consellería tivo tempo suficiente para publicála sen ter que esperar a facelo en periodo electoral.
No ano 2013 a Federación de Furancheiros e Viticultores/as de PonteVedra impulsou a formación dunha promotora para a creación de unha IXP para 8 concellos pontevedreses do Morrazo e contorna.
Constituída a promotora, e coa colaboración e o aconsellamento técnico da Asociación Galega de Viticultura (A.G.V.), inícianse os contactos cos concellos afectados e a Consellería do Medio Rural e do Mar, como administración competente na materia, para o rexistro como Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo.
A área xeográfica inclúe as zonas de aptitude vitícola dos concellos de: Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, PonteVedra, Poio e Redondela.
Todos os nosos esforzos vense culminados con a publicación desta Orde, agora somente resta que o Ministerio de Agricultura español remita a solicitude de creación da IXP á Comnisión Europea. Desde a AGV entendemos que superados todos os tramites administrativos o que resta é un proceso meramente burocrático perante dos órganos da UE para a plena posta en funcionamento da IXP “Ribeiras do Morrazo”.
O pasado dia 14 unha representación da FRUGA mantivo unha reunión de traballo coa Directora Xeral de Gandeirai, Agricultura e Industrias Agroalimentares, señora Belén do Campo, na que entre outras demandas lle transmitimos a necesidade de axilizar a aprobación desta IXP, así como a publicación das axudas para facer frente aos danos causados pola saraivada na Ribeira Sacra. Precisamente hoxe o DOG publica as ordes de aprobación da IXP e de axudas á Ribeira Sacra.
Desde a FRUGA alegramonos imenso de que algunhas das nosas demandas para o sector vitícola tiveran resposta positiva por parte da Consellería, e agardamos que o resto das demandas, tanto para este sector como para o do leite, ou o que ten a ver coas campañas de saneamento gandeiro, a fauna salvaxe, os incendios forestais e o adianto do pagamento da PAC 2016 teñan tamén rapida resposta e en sentido favorável, ainda que somos conscientes de que a partir de mañá xá non estamos en campaña electoral.