As industrias lácteas forzan baixadas encubertas estipulando penalizacións por non alcanzar parámetros impostos unilateralmente

leite-reoclhida-cisterna

 

 

 

FRUGA demanda da administración galega a constitución dun instrumento de interlocución para dirimir discrepancias.

 

 

 

 

Lugo, 1 de outubro de 2016. – Nos últimos tempos observamos as distintas varas de medir que empregan as empresas lácteas, a hora de pagar o leite ás explotacións galegas. Por un lado observamos como os parámetros que se utilizan para o pago da materia proteica varían dunha empresa a outra, algunhas priman cando se supera o 3,1%, e outras por superar o 3,2%. Igualmente, cando unha explotación no acada os parámetros esixidos, sufre penalizacións. Dándose casos nos cales algunha industria penaliza senón acadas o 3,2% de materia proteica con un desconto de 0,05 euros, e pola contra non aplica ningún tipo de incentivo se superas esa porcentaxe.

Esta situación permite observar, unha vez mais, os sucesivos abusos da industria perante un sector produtor totalmente indefenso. As penalizacións que aplican algunhas industrias, non so afectan a materia proteica, senón que tamén afectan ao chamado punto crioscópico (temperatura de conxelación). Se ao longo dun mes tes unha soa mostra que non chega a ese punto crioscópico determinado unilateralmente pola industria, a penalización supón outros 0,05 euros a maiores por litro. Nalgúns casos a suma destas penalizacións poden supor en torno a 10 cts.. de euro litro, o cal supón perdas importantes.

A actitude destas empresas resulta un tanto hipócrita, xa que ao tempo que anunciaban subas no prezo do leite impuñan baixadas de forma xeneralizada mediante a estipulación de penalizacións en base a uns parámetros impostos unilateralmente pola súa parte.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA, vemos como estes abusos da industria so se poden corrixir cunha intervención clara e contundente da propia administración, neste caso da Consellería do Medio Rural. Estas industrias están actuando sen ningún tipo de control, xa que a propia administración a dia de hoxe non foi quen de establecer un contrato único, no cal aparezan establecidos os pagos e as penalizacións en función das calidades do leite producido.

Con esta situación, hoxe máis que nunca, faise mais preciso contar cun órgano de carácter interprofesional, chamémoslle mesa interprofesional do leite, comisión de seguimento, ou como queiran. Evidentemente este órgano é onde se deberían dirimir as diferenzas existentes entre gandeiros e industria, sendo a administración quen trabe estes abusos da industria. De pouco vale que che falen dun prezo de 0,29 euros, se despois este prezo pode chegar a baixar ata 0,1 euros debido o sistema de penalizacións aplicado.