FRUGA pídelle á Consellería do Medio Rural que se implique na solución aos impagos da empresa Terra de Montes.

561127a528d11-607_1284476343263

 

 

Unha verdadeira lexislatura do rural primeiramente ten de solucionar estes problemas para logo demostrar que ten alternativas aos problemas estruturais do noso rural.

 

 

 

 

 

Lugo, 2 de decembro de 2016. Un grupo de gandeiros e gandeiras de varios concellos de Galiza, están a sufrir faltas de pagamento no leite que lle subministran a empresa Terra de Montes. Estas explotacións sofren débedas considerables, que levan arrastrando desde fai varios meses, nalgúns casos podemos dicir que xa superan un ano enteiro sen poder cobrar o leite que están lle están a vender a esta empresa.

FRUGA considera que é precisa unha solución rápida para estes casos, do contrario estas explotacións veranse abocadas ao peche. Cando seguimos a sufrir os prezos baixos de todo o Estado español, que na maioría dos casos non chegan para cubrir os custos de produción, se a este lle sumamos as dificultades para poder cobrar o que se nos adebeda, a situación para os gandeiros e gandeiras afectadas por esta situación pode acabar convirtíndose nun verdadeiro calvario.

Nalgúns casos a empresa Terra de Montes ten emitido billetes de empréstito e talóns bancarios, mas cando queremos proceder ao cobro, porque pasou a data de vencemento, encontrámonos con que a entidade bancaria non pode proceder ao seu pagamento por falta de fondos.

Desde a Fruga, xa nos diriximos varias veces á Consellería do Medio Rural, que é a quen realmente lle compete procurar unha solución a este problema, sobre todo nesta lexislatura denominada polo propio presidente da Xunta da Galiza, como a lexislatura do rural. Despois de transcorridos varios días desde a última vez que mantivemos interlocución coa Consellería seguimos esperando a que esta tome as medidas oportunas para as granxas afectadas poder cobrar os cartos que lles adebedan.

Se seica estamos ante a lexislatura do rural, non entendemos como a dia de hoxe pode haber casos deste tipo. Para cumprir a súa palabra o primeiro que ten que facer, e arranxar este tipo de problemas, que non son estruturais mas si moi importantes para quen os padece. Porque se a administración galega non é capaz de resolver estes problemas moito dubidamos que sexa capaz de facerlle fronte aos problemas estruturais que ten o sector lácteo galego.

Faltas de pagamento que a dia de hoxe están a afectar os produtores e produtoras de leite, pero mañá poden afectar os gandeiros de carne, gandeiros de porcino, de ovino, en fin ningún produtor galego, calquera que sexa a súa actividade, está libre de sufrir este problema de faltas de pagamento nos seus produtos.