FRUGA súmase á concentración pola liberdade dos 24 presos políticos do campamento de Gdeim Izik. Sahara Libre.

Por causa dos problemas que tivemos coa nosa páxina web non pudemos reproducir a nova que vai a continuación, mas dado o interés que ten e debido a que o motivo que deu lugar á concentración, denunciar o xuízo contra os activistas saharauis, foi adiado para o próximo día 23 de xaneiro, polo que de novo se voltará a realizar unha nova concentración por esta mesma razón, considerámola de plena actualidade para ser reproducida.

 

Santiago de Compostela, 24 de decembro de 2016. A Federación Rural Galega – FRUGA súmase á mobilización que se vai celebrar o dia 26 a partir das 11h00 en Vigo perante do MARCO en demanda da liberdade dos 24 presos políticos saharauis do campamento de Gdeim Izik e por un Sahara libre.

Os feitos polos que estas persoas permancen presas nas cadeas marroquinas remóntanse a novembro de 2010 cando as forzas de ocupación do Reino de Marrocos invadiran o campamento de Gdeim Izik, ás aforas do Aaiun, capital do Sahara Occidental, provocando centos de persoas feridas e algunhas mortes, entre elas, a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem.

Como consecuencia desa actuación o Reino de Marrocos procedeu á detención de 25 saharauis acusándoos de organizar o campamento e a acción pacífica, na que participaran mais de 3000 saharauis, para denunciar as violacións dos Direitos Humanos que sistemáticamente comete Marrocos.

Após dous anos dos feitos foran xulgados sen ningún tipo de garantías e condenados por un Tribunal Militar marroquí a durísimas penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a trinta anos, sete a vinte e cinco anos, tres a vinte anos e e dous a dous anos. Logo de presións e mobilizacións o xuízo militar foi anulado, mais continúan encarcerados e voltaran a se xulgados por un Tribunal Civil, o dia 26 de decembro, en Rabat.

FRUGA xunto con outras organizacións de ámbito galego queremos expresar a nosa solidariedade cos preso políticos saharauis e rexeitamos este novo xuízo. Consideramos que o reino de Rabat non ten lexitimidade nen competencia para actuar contra deles, xa que non ten xurisdisción algunha sobre o territorio do Sahara Occidental (tal como dictan as resolucións internacionais e da propia ONU). Condenamos as accións violentas que se levaron a cabo contra o campamento e os posteriores procesos de condena e encarceramento, e rexeitamos o novo xuízo en causa a persoas inocentes, incriminada por unha protesta pacífica, na defensa dos seus direitos.

Por todo isto Condenamos o xuízo que o reino de Marrocos fará o dia 26 de decembro contra os activistas saharauis, e esiximos a eliminación das súas condenas así como a súa inmediata liberación, ao tempo que insistimos en reclamar o cesamento da ocupación polo reino de Marrocos e que se cumpran as resolucións internacionais, fixando xa unha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que o pobo saharaui ten direito.