FRUGA denucia que numerosos gandeiros e gandeiras están a sufrir faltas de pagamento dos seus xatos

Demandamos a implicación da Consellería do Medio Rural na procura dunha solución para este problema

 

Lugo, 18 de xaneiro de 2017. O sector de vacún de carne galego, está a sufrir nos últimos tempos unha onda considerable de faltas de pagamento, que afectan de forma directa as explotacións gandeiras do noso país. Son numerosos os gandeiros e gandeiras que a día de hoxe, teñen xatos sen cobrar, e nalgúns casos as cantidades que se lles adebeda son importantes, superando mesmamente os 5.000 euros.

Os ingresos destas ganderías proceden de dous conceptos, por un lado as axudas PAC, tanto subvencións directas como axudas agroambientales, e por outra banda o ingreso principal segue a ser a venda de xatos.

Temos constancia de que existen algún matadoiro que a nestes momentos ten cantidades considerables sen pagar. As débedas que padecen as e os produtores de carne teñen a súa orixen, por unha parte nas débedas que os matadoiros teñen cos tratantes ou compradores que os abastecen e que estes trasladan ao sector produtor, así como tamén as que estes matadoiros teñen directamente cos propios gandeiros e gandeiras.

FRUGA considera que esta situación pon en risco a viabilidade de moitas explotacións de vacún de carne, principalmente nas comarcas onde a produción cárnica de vacún é a principal actividade económica. Toda gandería ten uns gastos fixos, e evidentemente para sufragar estes gastos precisase duns ingresos constantes ao longo do ano.

Esta situación tamén incentiva certas baixadas encubertas dos prezos da carne de vacún, un pouco derivada de que cada día é menor o número de compradores, e como tal tamén é menor a competencia, e poñen os prezos segundo lles conveña sen ningún tipo de control.

A Federación Rural Galega-FRUGA considera que a dia de hoxe, a administración debe buscar solucións a esta situación, buscando novos inversores para industrias cárnicas que se atopen en quebra, e o mesmo tempo pór en marcha liñas de apoio para as explotacións que están a sufrir estes FALTAS DE PAGAMENTO.