A xornada sobre comercialización do CRAEGA confirma o divorcio entre o Consello e o sector produtor ecolóxico galego

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica na Galiza empéñase en entregar a comercialización das producións ecolóxicas certificadas galegas á grande distribución.

Compostela, 30 de xaneiro de 2017.- O CRAEGA ven de celebrar o pasado venres unha xornada sobre comercialización, dirixida a produtores e produtoras ecolóxicos certificados por este organismo. Seria unha boa nova para o sector na Galiza de non ser porque a proposta do CRAEGA é entregar as nosas producións ás grandes compañías distribuidoras de alimentos (no caso desta xornada, a “convidada” foi Carrefour), no que seria un ataque mais do Consello aos produtores e produtoras galegas que facemos da agricultura ecolóxica o noso medio e modo de vida.

Os mercados e feiras locais, no punto de mira. A finais de 2015 o CRAEGA iniciaba unha campaña desde os medios de comunicación galegos, destinada a desprestixiar e deslexitimar as feiras e mercados ecolóxicos locais autoxeridos, e a ameazar de emprendimento de medidas legais polo uso do termo “ecolóxico” sen a súa autorización expresa. Estas feiras e mercados son utilizadas por produtores e produtoras, tanto certificados polo CRAEGA como suxeitos a outras fórmulas de controlo (Sistemas Participativos de Garantía (SPG), como as propias normativas de cada mercado), para por directamente as súas producións a dispor dos consumidores e consumidoras. Como réplica aos mesmos, o CRAEGA delegou en dúas empresas, “Ecom” e “Oceano Azul” (así se desprende da web dunha delas, xa que o CRAEGA apresentas-se aos seus asociados e asociadas como organizador https://oceanoazulcomunicacion.wordpress.com/2016/08/11/mercados-ecologicos-ferias/) a organización, baixo o seu patrocinio das feiras “Ágora Verde”, mercados efémeros (un ou como moito dous ou tres dias consecutivos) destinados à promoción en distintas vilas e cidades exclusivamente de produtos ecolóxicos certificados polo Consello. Na mesma liña, conseguiu o controlo da feira Ecolóxica de Arzuá, excluíndo aos produtores e produtoras habituais da mesma e convertendo esta 13 edición nunha pantomima de feira, con un único posto, por exemplo, de produtos hortícolas, pertencente a unha cooperativa Navarra, iso si, perfectamente certificado polo organismo oficial de controlo daquela Comunidade. Parece non entender o CRAEGA que as e os produtores primarios adscritos ao Consello precisan vender as súas producións todo o ano, con periodicidade como pouco semanal, e que de nada serven nin en nada axudan feiras anuais espalladas pola xeografía galega, de ai o desinterese dos e das produtoras polas mesmas.

O mercado global e a grande distribución, ameaza da produción ecolóxica local e a soberanía alimentar. O que o CRAEGA propón como solución para a comercialización das producións ecolóxicas galegas é precisamente a súa principal ameaza. A ninguén se lle escapa o crecente interese das grandes cadeas de distribución polos produtos ecolóxicos. Nos últimos anos veuse primeiro a aparición e logo o aumento de superficie dedicada nestes estabelecementos aos produtos ecolóxicos. Sabedores da crecente preocupación dos consumidores e consumidoras pola calidade da alimentación e a saúde, en moitas ocasións e na Galiza precisamente polo traballo de concienciación que se fai desde as feiras e mercados autoxeridos, a grande distribución ten a intención de apropiarse en exclusiva da produción ecolóxica, non por unha cuestión de saúde, ou mesmo ética, senón simplemente por negocio. Así a superficie dedicada à produción ecolóxica aumenta en todo o mundo non como solución as demandas alimentares dos pobos nos que se desenvolven senón en base à demanda das grandes multinacionais da alimentación, seguindo modelos cada vez mais industrializados, utilizando mao de obra barata ou mesmo infantil. A “ecoloxía” fica entón restrinxida unicamente à cuestión técnica da produción e fican de lado a cuestión social, ou a tremenda pegada de carbono (trasporte e embalaxe) que supón o trasfego de mercadorías de unha punta a outra do planeta. Neste contexto o CRAEGA pretende introducir aos produtores e produtoras galegas nesa dinámica, para que deixen de ser eles e elas quen fixen os prezos das súas producións e para que en moitos casos os nosos produtos lonxe de ser fonte de alimento e saúde para o noso pobo, aparezan nas mesas de calquera outro país onde haxa alguén disposto a pagar por eles. Así o CRAEGA leva anos a facer o maior dos esforzos (tamén no plano económico) na “internacionalización” dos produtos certificados galegos en distintas feiras, xa sexa en Berlín ou Madrid, mentres ameaza aos mercados locais dos que tamén participan os e as súas asociadas, e que contribúen a criar un outro modelo de alimentación e consumo, unhas relacións económicas xustas, que cría emprego e fixa poboación no rural e que ademais contribúe à alimentación saudábel no noso pobo.