Consecuencias negativas no ámbito económico, social e medioambiental.
Lugo, 21 de febreiro de 2017. Nos últimos días están aparecendo diversas noticias sobre a granxa de 20000 vacas de leite, que se vai construír en Soria. Este proxecto vai tomando forma e cada día que pasa parece que se converte mais nunha realidade. Unha macroexplotación que producirá 240.000 toneladas de leite, perto do 30% do leite que produce a comunidade de Castela-León.
Para FRUGA a construción deste tipo de granxas, para nada beneficia os intereses das mais de 8500 granxas galegas, porque de levarse adiante este proxecto, un importante número de explotacións lácteas terán que pechar as súas portas. Vamos a un modelo agroindustrial, que nalgúns estados da Unión Europea están prohibidos. Concretamente en Francia non se permiten explotacións de mais de 1000 vacas.
O modelo social de agricultura e gandería que defendemos desde a FRUGA, é totalmente contrario a este tipo de megaproxectos, que acaban destruíndo emprego, riqueza e calidade de vida no medio rural. Este tipo de megaexplotacións, conseguen consolidar un fenómeno de deslocalización da produción, concentrando nun escaso número de ganderías, e ao mesmo tempo aumentando a desertización do mundo rural. Un exemplo claro témolo en Galicia co que pasou na provincia de Ourense, que desde que o sector de vacún de leite pasou a ser residual o seu medio rural veuse grandemente afectado pola despovoación e a ruína económica.
A construción desta megaexplotación supón, por outra parte, un grande problema medioambiental. Estímase que esta granxa pode xerar uns 2 millóns de litros de xurro ao día o que implica un grave perigo de contaminación medioambiental. Noutros estados, como o holandés, están emprendendo o camiño de volta despois de ter transitado polo que agora se quere camiñar no Estado español. Holanda nestes momentos ten recibido o visto bo de Bruxelas para implementar un plan para a redución de fosfatos, por causa dos problemas medioambientaes que padecen. A aplicación deste plano vai supor o sacrificio de unhas 60.000 vacas e a redución de entre un 6 e un 10 por cento na produción de leite.
FRUGA pídelle as administracións competentes, que impidan que este proxecto se consolide, do contrario as consecuencias para o sector lácteo galego poden ser nefastas. Soamente teñen que ter en conta o que se fixo en Francia, impedindo a construción de explotacións de 1000 vacas. Estamos a falar dun modelo de produción típico de Estados Unidos ou China, pero non dun modelo de produción baseado nas explotacións de carácter familiar, que consigue crear un importante número de postos de traballo no rural galego, favorece a creación dun medio rural vivo e unha xestión mais responsábel do medio ambiente.