Praga da pataca: FRUGA pídelle á Consellería do Medio Rural que contemple axudas para todas as persoas afectadas pola obrigatoriedade de non plantar patacas na zona infectada.

O Real Decreto publicado este sábado no BOE exclúe das axudas o lucro cesante.

 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017. Este sábado pasado o BOE publicaba o Real Decreto 197/2017, polo que se estabelece o programa estatal de control e erradicación da Tacia solanivora, ou praga guatemalteca da pataca, que nestes momentos afecta a 31 concellos da Galiza.

Esta normativa de obrigado cumprimento establece que nas zonas infectadas, na Galiza 31 concellos, se prohibirá o cultivo da pataca durante dous anos, así como se procederá a desenterrar as patacas plantadas. Para paliar os prexuízos causados por estas obrigas aplicarase o sistema de indemnizacións previsto no artigo 18 do Real Decreto 1190/1998 de 12 de xuño. Da lectura do mesmo se desprende que todas aquelas persoas que aínda non tiveran plantadas a súas pataca non van recibir ningún tipo de indemnización durante os dous anos que dura a prohibición, e aquelas que xa as tiveran plantadas somente van recibir axuda pola destrución das plantas xa implantadas.

Por outra parte, tamén se establece un réxime sancionador para quen non cumpra con estas obrigas. Sanción que, no caso de ser considerada a infracción como leve, pode oscilar entre 300 e 3.000 euros.

Desde a FRUGA consideramos que as persoas prexudicadas non son as responsábeis dos problemas causados pola presenza desta praga, senón mais ben todo o contrario, son as que van sufrir os prexuízos da súa presenza nas súas terras, polo que non estamos de acordo co duplo castigo a que se van ver sometidas, por unha parte non poder plantar pataca para satisfacer as súas necesidades e por outra non ser compensadas por esta perda. Situación que se agrava aínda mais no caso de persoas produtoras profisionais.

Estamos totalmente en contra de unha política punitiva sen a correspondente política paliativa dos prexuízos causados ás persoas afectadas. Considerando afectadas tanto a quen as cultivas para o autoconsumo como quen as cultiva dun xeito profisional para a venda no mercado.

Por todo o dito a FRUGA reclámalle á Consellería do Medio Rural un plano consensuado co sector co fin de controlar e evitar a extensión desta praga a novas zonas do territorio galego, así como adoptar unha liña de axudas para todas as persoas afectadas tanto para as que o Real Decreto define como operadores , entendo estes como as persoas profisionais do sector produtor e comercializador, como as que define como produtores/as non profisionais.

A día de hoxe a Federación Rural Galega aínda está a espera a ser recibida por parte da Consellaría do Medio Rural en resposta á nosa solicitude de reunión, presentada o pasado 14 de febreiro, co fin de analizar cales tiñan de ser as liñas de traballo para paliar os danos causados e impedir a súa propagación.