Para a FRUGA o Acordo Lácteo mostrase ineficaz para garantir prezos dignos.

 

O prezo medio no Estado español é inferior ao prezo medio da UE, e Galiza ten o prezo mais baixo do estado.

 

Lugo 9 de marzo de 2017. Os últimos datos referentes a prezos do leite publicados na Unión Europea, referentes ao mes de Febreiro, demostran que as granxas do Estado español estamos a cobrar un prezo polo leite, moi por debaixo da maior parte dos estados da UE. Concretamente o prezo medio no estado foi de 31,60 cts de euro fronte a media da UE de 34,22 cts. En estados veciños, con produción excedentaria como Francia, o prezo chegou a 35,15 cts.

 

No conxunto do Estado español volvemos comprobar como Galiza é a primeira no que se refire tanto a numero de explotacións como a leite producido, e pola contra ficamos á cola dos prezos, tendo un prezo medio de 30,30 cts, fronte a media estatal que está en 31,60 cts, e lonxe dos preto de 35 cts de euro que perciben os gandeiros do Pais Vasco.

 

Durante o ano 2016, o sector lácteo galego, sufriu importantes perdas polos baixos prezos percibidos o que ten provocado a que en Galiza  603 gandeiros se viran abocados a pechar as súas granxas.

 

Desde MAPAMA, entendíase que o problema do sector se arranxaría co acordo lácteo asignado polas organizacións agrarias estatais, UPA-Unións Agrarias e ASAJA, coa participación das industrias, cooperativas e a gran distribución. A día de hoxe desde  FRUGA preguntámonos para que serviu ese acordo. Os prezos percibidos polos gandeiros galegos non cubren os custos de produción na maior parte dos casos, o cal leva implícito que os gandeiros galegos suframos perdas en cada litro de leite que producimos.

 

O acordo lácteo asignado o pasado día 23 de Setembro do 2015, implicaba que tanto a industria como a gran distribución asumían unha serie de compromisos, destinados a aumentar de forma considerable o prezo do leite a percibir polos gandeiros. Pasado o tempo, vemos como a maior parte dos contratos asignados nos últimos meses, contemplan prezos de 27 cts de euro e 28 cts, o cal non se traduce en ningún tipo de suba. Somentes se poden percibir pequenas subas derivadas dun incrementos das calidades de tipo estacional, é dicir, subas en materia graxa e en materia proteica.

 

Fruga considera que o MAPAMA, non conseguiu para nada os seus obxectivos, e nin tan sequera foi quen de conseguir un modelo de contrato único, que evitara os abusos das industrias. A dia de hoxe vemos como moitas industrias impoñen baixadas de forma unilateral en función duns criterios totalmente subxectivos, que as veces chegan a 5 cts de euro, como consecuencia de ter o longo do mes algunha mostra que supera os parámetros de calidade bactereoloxíca. Todo este tipo de abusos das industrias, ó final somentes conseguen aumentar os ingresos das industrias, aplicando importantes baixadas de prezo os gandeiros.