Ourense, 17 de marzo de 2017. No día de onte a FRUGA, continuando coa súa actividade a respecto da praga guatemalteca da pataca, ven de realizar unha xornada de debate co sector produtor de pataca da comarca limiá, despois ter levado a cabo xornadas deste tipo na localidade de Paio Saco da comarca bergantiñan e na de Neda da comarca de ferrolterra.
As persoas presentes mostraran a súa preocupación perante o avance da praga, xa que se no ano 2015 eran tres os concellos afectados, pasados dous anos a afectación multiplicouse por dez, pasando dos tres iniciais a trinta e un. De seguir esta progresión, e de no pór os medios necesarios a administración galega, en breve espazo de tempo corremos o risco de esta chegar aos 313 concellos galegos.
Nestas xornadas de debate organizadas pola FRUGA chegouse a conclusión de que a actuación da Consellería do Medio Rural foi tardía e ineficaz, xa que de non ser así non se explica como somente en dous ano pasaron de 3 a 31 os concellos infectados. Neste sentido é sintomático que para establecer actuacións concretas para loitar contra esta praga tiveramos de esperar a que o Ministerio de Agricultura de España publicara o súa normativa, cando o goberno galego ten plenas competencias en materia de agricultura. Mesmo nestes precisos momentos non son coñecidas como van ser as axudas, quen vai ter dereito e a cuantía das mesmas, cando xa levan transcurridos quince días desde a publicación do Decreto de Madrid.
As produtoras e os produtores da comarca da Limia coincidían en que para evitar a extensión da praga e que chegara a súa comarca eran fundamentais, ademais das medidas establecidas na normativa vixente, as axudas para todas as persoas prexudicadas como garantía de que non planten pataca nas súas leiras e mesmo como xustificación para que quen non respecte esta obriga poda ser sancionada.
Na reunión de Xinzo a FRUGA adquiriu o compromiso, perante as persoas que participaron nesta xornada de debate, de estender a realización de xornadas como esta por toda a xeografía da comarca limiá. En breves días establecerase o calendario a desenvolver.