FRUGA e ORUGA reúnense cos grupos parlamentares do Parlamento Galego

As organizacións Federación Rural Galega-FRUGA e a Organización Rural Galega Agroforestas-ORUGA, o día 29 de marzo mantivemos reunións con todos os grupos parlamentares do Parlamento Galego.

A primeira reunión mantivémola co representante do Partido Popular para a continuación reunírmonos cos representandes de En Marea e BNG. A reunión cos representantes do grupo socialista adiouse, por motivos de axenda, para o dia 5 de abril.

Estas reunións tiveran como obxectivo demandar o noso recoñecemento a todos os efectos como organizacións representativas do rural galego perante da administración galega. Neste sentido o pasado día 27 de febreiro as dúas organizacións rexistramos escrito dirixido á señora conselleira do Medio Rural para tratar deste asunto e a día de hoxe non tivemos resposta.

A realidade do mundo rural galego ten mudado substancialmente desde a celebración da última consulta realizada no sector agrario. Consulta celebrada o 26 de maio de 2002. Nestes case 15 anos téñense  producido mudanzas significativas, tanto no que respecta ás organizacións, de tal xeito que até poderiamos dubidar da existencia real de algunhas organizacións hoxe consideradas como representativas, como no que ten a ver co mundo rural e en concreto co número de persoas que viven e traballan nel.

De resultas destas reunións os distintos grupos parlamentares comprometeranse a estudar a posibilidade pe presentar unha Proposición Non de Lei (PNL) para o seu debate en Pleno.

A día de hoxe temos coñecemento da PNL presentada o pasado día 5 de abril por parte do grupo parlamentar do BNG. Proposición que a continuación pasamos a reproducir:

Á Mesa do Parlamento

 

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas e deputados Xosé Luis Rivas Cruz, Noa Presas Bergantiños, Ana Belén Pontón Mondelo,Olalla Rodil Fernández, Montserrat Prado Corese Luis Bará Torres, ao abeiro do disposto noRegulamento da Cámara, presentaa seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

 

Hai máis de quince anos que non se celebran eleccións agrarias que midan a representatividade das organizacións sindicais no sector.

 

Actualmente existen organizacións agrarias, Vg. FRUGA (Federación Rural Galega) e ORUGA (Organización Rural Galega Agroforestal) que non teñen interlocución normalizada co goberno nin nos órganos consultivos Vg. Consello Agrario Galego relacionados coa actividade agrogandeira e forestal.

 

O dia 28 de febreiro de 2012 a Consellería do Medio Rural e do Mar, publicou a Orde pola que se convocaron as eleccións para a renovación dos órganos de goberno de determinados Consellos Reguladores do ámbito agro-alimentar.

 

A Federación Rural Galega – FRUGA, como federación na que se inclúen distintas asociacións profesionais dos diversos sectores da actividade agraria e gandeira, e como organización que ten entre os seus fins a defensa dos sectores produtivos agrarios da Galiza, presentou candidaturas ós consellos reguladores máis representativos do País, vendo vetadas as súas candidaturas en tres consellos reguladores. Unha vez celebradas as eleccións, FRUGA está presente en catro das cinco denominacións de orixe do viño.

Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG formula a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

 

“O Parlamento de Galiza insta:

 

-Á Consellería de Medio Rural a que tome as medidas necesarias para que se celebren eleccións sindicais no Medio Rural á maior brevidade posible e actualizar así a representatividade nos espazos pertinentes.

 

-Ao Goberno galego para que a Consellería do Medio Rural, mentres tanto, recoñeza á Federación Rural Galega – FRUGA, e á Organización Rural Galega Agroforestal a tódolos efectos, como organizacións agrarias representativas, polo que debe ser garantida a súa presenza en tódolos órganos consultivos, de debate, diálogo, participación e asesoramento.”

 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017