Na reunión tomouse o acordo de convocar unha asemblea a celebrar o próximo día 18 a partires das 7 da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Verín.
Ourense, 9 de maio de 2017.- No día de onte a Asociación Galega de Viticultura (AGV-FRUGA), ven de manter unha reunión á que estaban convocados todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos pertencentes á D.O. Monterrei, co fin de valorar os danos causados polas xeadas, así como para avaliar posíbeis solución para lle facer fronte. Á reunión asistiron os alcaldes de Monterrei e Rios, a alcaldesa de Oimbra e o Tenente Alcalde de Verín.
Na reunión tomouse o acordo de convocar unha asemblea a celebrar o próximo día 18, xoves, a partir das 7 da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, á que están convocados tanto viticultores como viticultoras da comarca, así como todas as adegas da D.O. Monterrei.
É intención da AGV-FRUGA continuar mantendo reunións por todas as denominacións de orixe afectadas por as xeadas de finais de mes de abril, así xa temos participado nas asembleas celebradas tanto en Ferreira de Pantón, na Ribeira Sacra na súa vertente norte, como na celebrada o pasado venres no Ribeiro, onde se acordou convocar unha manifestación a celebrar este próximo sábado,13 en Ribadavia, manifestación da que somos convocantes xunto con outras organizacións do sector.
AGV-FRUGA seguirá traballando con todas as denominacións de orixe, tanto do viño como de outros sectores produtivos, afectados por este fenómeno climático co fin de unir todas as demandas e llas facer chegar á Consellaría do Medio Rural.
Segundo se fan eco os medios de comunicación a señora conselleira está a anunciar medidas para facer fronte aos danos causados polas xeadas, mas temos de dicir que estas propostas de medidas non están consensuadas cos sectores afectados, xa que a día de hoxe aínda non se reuniu con nós. Desde a AGV-FRUGA pensamos que hai algunhas das medidas, propostas pola señora conselleira, que só benefician ao sector bancario mas non aos e ás afectadas por estas xeadas.
Reiteramos a nosa demanda de unha reunión urxente, que xa está tardando, entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións representativas do sector para avaliar os danos causados polas recentes xeadas e as posíbeis liñas de axuda para as explotacións afectadas así como para as adegas.