En ningún momento informou aos seus asociados e asociadas do inicio do proceso ELECTORAL nin moito menos da publicación de censos a tal efecto.
Exclúe a todos e todas as produtoras que comercializan de maneira directa as súas producións sen pasar por intermediarios, e que non poderán participar do proceso de elección dos seus vocais nin optar a seren electos/as.
Compostela, 2 de xuño de 2017.- Na mañá de hoxe remataba o prazo para presentación de candidaturas aos distintos consellos reguladores do agro galego, entre eles o CRAEGA, que regula a produción e comercialización da agricultura e gandería ecolóxicas da Galiza. Así, os e as inscritos no Consello repártense entre os distintos censos, dependendo de se están a desenvolver actividades produtivas ou transformadoras e de distribución. Logo de dúas lexislaturas sen terse celebrado eleccións no SECTOR produtor, logo de sucesivos amaños entre as tres candidaturas presentadas entón e a exclusión da lista da FRUGA hai agora cinco anos, este ano prevíase que por fin os agricultores e agricultoras ecolóxicas da Galiza poderían elixir as súas representantes. Mais todo este proceso resulta de feito bastante escuro: desde o CRAEGA en ningún momento se informou aos asociados e asociadas do inicio do proceso ELECTORAL. Tampouco se informou entón da existencia de censos que ao parecer non inclúen a todos e todas as produtoras certificadas na Galiza, aínda que cumpran escrupulosamente coa normativa ecolóxica, o pagamento das correspondentes cotas anuais e as inspección periódicas ás que someten o CRAEGA aos e ás asociadas: tais censos inclúen só aos produtores e produtoras que emitiran “volantes” certificativos no último ano. Este vai ser o motivo para decretar a nulidade da lista da FRUGA.
Que son os “volantes”?
Os volantes son un documento que acompaña ao produto no momento que se comercializa para acreditar a súa orixe nunha horta de produción ecolóxica certificada polo CRAEGA. A emisión dese documento, que só se emprega no caso de vendas a distribuidoras, industria transformadora ou tendas, como ben sabe o CRAEGA inclúe os dados de vendedor/a e comprador/a (nome completo, enderezo, NIF…) e supón ademais un sobre custe en forma de taxa emitida polo CRAEGA de un 2% sobre o prezo do produto no caso dos produtores e produtoras, (para comercializadores e industria esta taxa redúcese à metade, 1%). O caso é que os labregos e labregas que comercializan directamente as súas producións en feiras e mercados non emiten tais documentos (do mesmo xeito que non se cubre unha factura cada vez que se vende, por exemplo, unha leituga). Este nunca foi motivo para excluír a ninguén do Consello nin para menoscabar os seus dereitos e obrigas con respecto ao mesmo. Mas nesta ocasión si que vai servir ao CRAEGA para “depurar” o censo ELECTORAL e reduci-lo a aquelas persoas que operaran con industrias ou distribuidoras, e denegar o dereito a elixir ou ser electas ás persoas excluídas.
Mais do mesmo dun CRAEGA entregado à grande industria e à exportación.
Que o CRAEGA está cada vez mais desacreditado entre o SECTOR produtor ecolóxico na Galiza non é algo novo. Cada vez son mais as produtoras e produtores ecolóxicos que optan por distintas modalidades e formulas certificativas distintas ao CRAEGA. De feito o Consello emprega sistematicamente a produtores e produtoras primarias como “imaxe”, mais centra a maior parte do esforzo orzamentario e publicitario no sector industrial e transformador, especialmente no de maior dimensión económica, que é o que pode tirar partido das campañas e feiras internacionais que tanto gustan à cúpula dirixente. Mais preocupados polas cifras económicas, as cotas de mercado e a presenza nesas grandes feiras internacionais, esquecen que se existe agricultura ecolóxica na Galiza é grazas os produtores e produtoras que marxinan e desprezan.
Abrindo as portas à grande distribución, deixando indefensas ás produtoras e produtores.
Así se desprende de xornadas “formativas” como a desenvolta recentemente polo CRAEGA e na que se presentaba ás grandes cadeas de distribución como futuro para a comercialización das produción ecolóxicas galegas. Nesa xornada en concreto a convidada foi Carrefour. Precisamente cando é de todo o mundo sabidas as nefastas condicións económicas impostas desde a grande distribución aos produtores e produtoras agrarias, presentarnos o futuro ligado a ese modelo, ademais de un insulto à intelixencia por produtores e produtoras ecolóxicas galegas supón na práctica recoñecer que para nada lle importa o futuro da agricultura ecolóxica na Galiza, e sobre todo, das persoas que están detrás “do sacho”, sempre que podan presumir de grandes cifras de superficie certificada, volume de negocio, e centos de visitantes por caseta. Todo isto co silencio cómplice dos supostos representantes do sector integrados nas organizacións profesionais sistémicas que probabelmente recunquen outravolta nas cadeiras que viñan ocupando, agardando que rematen pronto as reunións para ir cedo a xantar, única preocupación que ao parecer tiveron nos últimos cinco anos.