Os gandeiros e gandeiras galegas seguimos a cobrar uns dos prezos mais baixos da UE. Para a FRUGA isto é consecuencia de Galiza carecer dunha industria propia suficientemente dimensionada.

FRUGA ve con bos ollos a fusión de cooperativas e espera que este proceso sexa o xerme do Grupo Lácteo Galego.

Lugo, 19 de xuño de 2017. A realidade do sector lácteo galego, amosa claramente, que somos unha das rexións mais importantes da Unión Europea no que a produción de leite se refire, concretamente Galiza ocupa o noveno posto entre as rexións lácteas da UE. En cambio nos prezos que se lle pagan os gandeiros, estamos a cola, percibindo en torno a 5 cts menos que a media das principais rexións produtoras europeas. O cal indica claramente cal é a situación das 8369 ganderías galegas que se adican a produción de leite de vacún.

Os prezos que perciben os gandeiros galegos son dos mais baixos da UE, e os mais baixos do estado español, estando entre 2e 3 cts de euro por debaixo da media española. Sendo unha potencia produtora, Galiza non pode quedar ó marxe do novo contexto que vai regular a produción e comercialización de leite no futuro.

Actualmente todas estas rexións lácteas da UE, teñen unha industria láctea de base cooperativa, que está a conseguir un importantes beneficios para os produtores e produtoras de leite destes lugares. En Galiza observamos como a industria láctea de base cooperativa, ten unha escasa capacidade de transformación e comercialización no sector leiteiro galego, concretamente a principal industria galega nestes intres é Lactalís, un grupo francés que recolle a maior parte do leite galego.

Ao noso entender os baixos prezos que estamos a percibir os gandeiros e gandeiras galegas están intimamente relacionados con Galiza carecer dunha industria propia, cos pes e o corazón na nosa terra. Un dato significativo desta situación é que mais dun 30 por cento do leite producido na Galiza sae sen ningún tipo de transformación.

Nos últimos días, estamos a asistir a varios casos de fusión entre cooperativas, algo que dende FRUGA nos parece positivo, pero dende logo, non chega con simples fusións, senón que a maiores o sector lácteo galego, ten que dispor de importantes industrias lácteas de base cooperativa capaces de comercializar a maior parte do leite que se produce no país.

Dende este punto de vista, o papel das institucións, concretamente da Consellería do Medio Rural, e do propio presidente da Xunta, pasa por avanzar de forma decida na posta en marcha dun gran grupo lácteo galego de base cooperativa. Tendo en conta ademais, que nestes momentos se está a falar de numerosos proxectos transformadores. FRUGA considera que todos estes proxectos teñen que estar integrados para favorecer unha industria multifuncional, capaz de elaborar derivados lácteos, especialmente produtos que xeren un maior valor engadido.

O longo da pasada campaña electoral das eleccións autonómicas, o presidente Feijoó dixo por activa e por pasiva que esta era a lexislatura do rural, pois agora ten unha oportunidade de demostrar o seu compromiso co rural galego.