Ensinanzas para Galiza da traxedia de Portugal: a lei de montes do PP desordena o espazo rural e favorece a propagación dos grandes incendios.

Un monte ordenado, ben xestionado e multifuncional é a mellor garantía contra os incendios de grandes dimensións.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017. O 23 de xullo de 2012 o DOG publicaba a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza do goberno do PP.

No seu momento a Asociación Montes da Galiza – MONTEGAL, integrada na Federación Rural Galega- FRUGA, fíxolle chegar as súas opinións á Consellería do Medio Rural con ocasión do proceso aberto para debater o anteproxecto desta lei, en base aos seguintes criterios:

Non estabamos, nin estamos, de acordo coa posibilidade de forestar terras agrarias, aspecto este que fica regulado tanto nos artigos 2.c) e 61 desta lei. Diciamos nas nosas achegas que, favorecendo a forestación dos terreos de uso agrícola se incrementa o desorde territorial, aumenta a dependencia das explotacións que fican en activo, redunda no abandono do medio rural e incide negativamente na prevención de incendios forestais. O artigo 25 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios prohibía explicitamente e rotundamente as repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística.

Eramos contrarios a incluír a disposición derradeira primeira por introducir unha serie de modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios co único fin de a deturpar e baleirar de contido.

O artigo 21 da Lei 3/2007 obrigaba a todas as persoas responsábeis a xestionar a biomasa vexetal nunha faixa de 100 metros arredor de calquera núcleo poboacional, edificación, urbanización, depósito de lixo, parques de campismo, instalacións recreativas, obras, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte, ademais nos primeiros 50 metros a contar desde a estrema da propiedade non podía haber especies que favoreceran a propagación do lume, tais como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia. Coa modificación introducida, esta distancia redúcese a 50 metros nos casos de solo urbano de núcleo rural e urbanizábel, edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo e parques e instalacións industriais, ao tempo que reduce a 30 metros a non presenza das especies favorecedoras do lume.

Mediante este mecanismo modificase o artigo 23, cámbiaselle a denominación, e aproveitase a nova redacción para reducir a 30 metros a existencia dunha faixa de protección libre de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada respecto de edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos, instalacións de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais, cando na Lei 3/2007 ficaba establecida en 50 metros. Confunde o presidente Feijoo á opinión pública ao falar de 50 metros, xa que a distancia que establece a lei de montes de Galiza, de 2012, é de 30 metros e outros 20 mais, mas neste caso son os propietarios dos terreos os responsábeis da realización das medidas de xestión da biomasa.

O punto vinte e dous da disposición derradeira primeira modifica o artigo 24 da Lei 3/2007, no que se establecía, entre outras cousas, que os instrumentos de xestión forestal deben incluír medidas que garantan a descontinuidade tanto horizontal como vertical da biomasa forestal, a alternancia de teselas con distinta inflamabilidade e combustibilidade, así como que as masas forestais monoespecíficas non poderán ter unha superficie continua superior a 50 hectáreas. A nova redacción elimina toda referencia á necesidade da existencia de teselas con distinta inflamabilidade e combustibilidade, así como á prohibición de existir masas monoespecíficas superiores a 50 hectárea. Esta supresión, feita sen ningún criterio lóxico desde o punto de vista da loita contra o lume, soamente se pode entender se con ela o único que se pretende é favorecer os intereses de certas industrias monopolista, tipo ENCE, co fin de permitir grandes plantacións de especies de crecemento rápido, tipo eucalipto, ou de cultivos enerxéticos.

Soamente os argumentos anteriores chegan para afirmar que a lei de montes aprobada polo goberno galego do PP é unha lei que rebaixa as medidas preventivas (distancias), contribúe a desordenar o espazo rural e induce ao monocultivo, opcións, todas elas, que favorecen a propagación dos grandes incendios. Condicións semellantes, ligadas ao cambio climático e ao abandono do mundo rural, que tamén se dan na Galiza, foran as que, segundo a maioría das opinións, deran lugar ao grande desastre ocorrido recentemente en Portugal. Un monte ordenado, ben xestionado e multifuncional é a mellor garantía para evitar que ocorran incendios de grandes dimensións.