FRUGA exixe a celebración da reunión prometida no mes de maio pola Consellería do Medio Rural.

Perante dunha nova catástrofe, desta vez en forma de sarabia, exiximos a celebración dunha reunión urxente coa Conselleira do Medio Rural.

Ourense, 29 de agosto de 2017. O día 23 de maio deste ano celebrouse en Ourense unha grande manifestación en demanda de solucións para os danos causados polas xeadas do último fin de semana de abril e que afectou a distintos sectores agrarios da provincia de Ourense e do sur da de Lugo, como a viticultura, a produción de castaña, cereal ou mel, entre outros.

No manifesto lido ao remate da mesma facíase explicito o lamento do sector produtor perante a inoperancia e pasividade que estaba a mostrar a administración galega cos sectores afectados polas xeadas, e mais concretamente da señora Conselleira do Medio Rural.

Ao final da manifestación unha delegación en representación das persoas presentes na mesma, entre as que se encontraba o Presidente da FRUGA e viticultor no concello de Cenlle, Xurxo Álvarez, foi recibida pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, comprometéndose esta a facer as xestións necesarias, perante a conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, para concertar unha reunión na semana seguinte.

Desde a FRUGA temos de recoñecer o grande traballo do gabinete de comunicación do que dispón a señora conselleira, que é capaz de estar case todos os días nos medios de comunicación, se non é con unha cousa é con outra, mas si temos de denunciar, pola contra, ben a súa incapacidade ou ben a súa negativa para se reunir e dialogar co sector e cos seus representantes.

Despois das xeadas de abril viñeron os incendios do verao, e xa para rematar de acabar con todo, este fin de semana chegou o pedrazo que afectou a distintas zonas do Ribeiro o que vai provocar que este ano practicamente non se poda vendimar nin un só acio, co que a perda, nalgúns casos, poda ser total.

Xurxo Álvarez, viticultor do concello de Cenlle e afectado tanto polas xeadas de abril como polo pedrazo de agosto lamenta que o ensimesmamento e o autismo da conselleira lle impida ver as graves dificultades polas que están pasando moitos e moitas agriculturas por causa das distintas adversidades climáticas, así como deplora a incapacidade ou a recusa, desta responsábel política, a manter un mínimo diálogo coas organizacións agrarias co fin de procurar solucións a todos estes problemas.