O saneamento gandeiro non debe ser un matavacas.
Lugo, 31 de agosto de 2017. As probas de saneamento gandeiro, véñense realizando en Galiza, desde hai mais de 30 anos, sendo totalmente necesarias para conseguir unha cabana gandeira, libre de enfermidades como a Tuberculose, Leucose, ou Brucelose.
Despois de tantos anos con estas probas estanse a conseguir importantes avances no proceso de erradicación da enfermidade, sendo cada vez menos o número de animais infectados polas distintas enfermidades controladas nestas campañas de saneamento.
Nos últimos anos, producíronse cambios importantes nos protocolos de actuación sanitaria, especialmente no que respecta a detención da tuberculose bovina, producíndose un importante número de sacrificios, que na maior parte dos casos, non son animais enfermos.
FRUGA considera, que ningún gandeiro se vai opor a que lle sacrifiquen os animais infectados, mas o que si nos parece un despropósito, é que se estean a sacrificar un importante número de animais, que despois nas probas postmorten realizadas no matadoiro, non se lles atopen ningún indicio de padecer a tuberculose bovina. É dicir, estanse a matar moitos animais sans.
Existen moitas ganderías que durante moitos anos levan facendo o saneamento gandeiro sen que se lles detectara a presenza de ningún animal contaxiado de tuberculose bovina e nas que agora aparecen animais aparentemente infectados, o que resulta bastante inexplicábel. Na maioría dos casos estas vacas cando son sacrificadas resulta que non teñen ningún síntoma da enfermidade. A estas ganderías non se lles permite facer unha mostra de contraste, que detecte con maior precisión o estado do animal, obrigando a optar polo sacrificio.
Desde a Federación Rural Galega, demandamos un cambio no que respecta os protocolos de actuación, mais efectivo e que impida que animais sans sexan sacrificados. Igualmente, a consellería do Medio Rural, debe optar de forma clara e concisa, por facer probas de contraste a tódalas explotacións que se lles detecte un animal dubidoso, e non facer soamente as probas de contraste nalgúns casos concretos.
E xa para rematar todos estes animais, que unha vez sacrificados, chegan o matadoiro e non son positivos, teñen que ser indemnizados debidamente, porque estamos a falar dun saneamento gandeiro, non dun matavacas.