Para a FRUGA os prestamos para facer fronte aos danos causados polos fenómenos climáticos non son unha axuda.

É unha medida adoptada de costas ao sector o que demostra que a Xunta de Feijoo despreza ás organizacións sociais.

 

Cenlle, 11 de setembro de 2017.- Segundo información publicada, o Consello da Xunta, na súa última reunión, ven de aprobar unha medida destinada ás explotacións agrarias afectadas polas xeadas e as sarabiadas padecidas no que vai de ano. Medida consistente en facilitar prestamos, a xuro cero, para o financiamento de circulante ou o refinanciamento de pasivo. Anuncio que facía en persoa o propio Presidente da Xunta da Galiza.

En opinión de Xurxo Álvarez, presidente da FRUGA e viticultor de Cenlle, na comarca d´O Ribeiro, “esta medida non é unha axuda; en todo caso é unha medida que favorece ás entidades bancarias, non a nós”.

As axudas mediante prestamos a xuros reducidos ou nulos, é unha medida adecuada para facilitar e fomentar a concorrencia promovendo o incremento da produtividade, tal como están pensados, por exemplo. para os planos de mellora. En todo caso os prestamos sempre hai que devolvelos, partindo de que quen se beneficia deles vai poder afrontar a súa devolución porque se prevé que vai ver acrecentados os seus ingresos, e este non é o caso das persoas afectadas polas incidencias climáticas padecidas no que vai de ano.

O manifesto lido ao final da manifestación do 23 de maio en Ourense contiña unha táboa reivindicativa na que entre outras cousas se solicitaban axudas directas como as concedidas, no seu momento, na Ribeira Sacra, a condonación das cotas da Seguranza Social por un período non inferior a seis meses, así como unha liña de crédito para facer fronte as necesidades de liquidez e circulante, pensando sobre todo nas adegas, e por último demandabamos a constitución dunha mesa de negociación.

Por outra parte, e á espera da publicación pertinente no DOG desta medida, parece que fican excluídos os sectores da apicultura e a gandeiria afetada pola seca.

Para Xurxo Álvarez medidas como esta, adoptadas unilateralmente, sen diálogo e de costas viradas ao sector, demostran que a actuación da Xunta de Feijoo  está presidida polo desprezo ás organizacións sociais, o autoritarismo e o sectarismo.