A mina de Touro é um atentado contra o territorio e a actividade agraria. Afecta a 700 hectáreas, a maior parte terreos agrícolas e de monte.

A megaminaria extractiva é unha clara mostra de explotación colonial dos nosos recursos.

 

Touro, 23 de novembro de 2017. O día de onte celebrouse en Prevediños a asemblea convocada pola FRUGA para tratar sobre as consecuencias para a actividade agraria da zona a posta en funcionamento da prevista mina de cobre que afectará inicialmente aos concellos de Touro e d´O Pino, contando coa presencia de Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA;  de Xan Louzao, veciño do concello de Touro e concelleiro do BNGe Manuel Da Cal coordinador da FRUGA.

O que ficou claro ao largo das esposicións e do debate posterior é que a posta en funcionamento deste proxecto de megaminaria vai supor grandes prexuizos para toda a veciñanza da zona como consecuencia do tamaño das voaduras que se pretenden fazer, pola contaminación atmosferica que estas mesmas voaduras van ocaionar, pola polución tanto dos cursos de auga como dos mancias e mesmo co perigo de ficar sen auga tanto para o consumo das vivendas como das granxas que se asentan na zona. Por desgracia esta situación non é novedosa para a veciñanza da zona porque entre os anos 1973 e 1986 xa estivo a funcionar unha mina destas características no concello de Touro que deixou os rios, regatos e terreos da zona estragados e que a día de hoxe siguen igual sen que a administración galega fixera nada por os rexenerar.

Para mostra chega con ter en conta os seguintes datos: inicialmente o proxecto abrangue 700 hectáreas, mas a concesión está previsto que afecte a mais de 2000 hectáreas chegando a afectar a parroquias dos concellos de Boqueixon e Santiago de Compostela; o período para explotar estas 700 hectáreas é de 16 anos podendo prolongarse até o ano 2068; na primeira fase está previsto mover 267 millóns de toneladas de material para extraer 656 mil toneladas de cobre mediante voaduras con materiais explosivos durante todos os días do ano cunha media de seis voaduras por día.

Este proxecto ten de ser encadrado dentro do que se ten vindo a chamar a Lei da Depredación aparobada recentemente no Parlamento Galego co apoio en solitario do PP. Esta lei é un atentado contra a nosa terra na medida en que con esta lei facilítase a explotación masiva dos nosos recursos naturais, tanto os enerxéticos, como mineiros, ambientais ou forestais e do monte, pondoos ao servizo das grandes multinacionais depredadoras.

A filosofía que orienta esta lei é a de contemplar toda Galiza como o lugar onde asentar todo tipo de industrias contaminantes e depredadoras, o refugallo que non queiran en outros lugares polas súas repercusións negativas sobre o territorio e o medio ambiente vai vir para Galiza. Converte así a Galiza no vertedeiro industrial e medio ambiental de Europa.