A Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) cuestiona o método de revisión do Plano Forestal de Galiza por atidemocrático.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017. No día de hoxe o Consello Forestal de Galiza veu a dar o visto bo ao Borrador, presentado pola Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, para a aprobación da Primeira Revisión do Plano Forestal de Galiza.
Dado que o Plano Forestal de Galiza non é considerado como un plano de ordenación do territorio, senón que é considerado como un plano reitor de carácter estratéxico para a planificación e execución da política de montes no territorio galego. Considerado de este xeito, a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, ten rango de Decreto e xa que logo, será aprobada polo Consello da Xunta. Deste xeito, furtase o debate parlamentar. Polo tanto a Primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, non recollerá o sentir do pobo galego (representado no Parlamento), senón que soamente recollerá o sentir de unha parte do pobo galego (representada polo goberno da Xunta).
As Nacións Unidas e mesmo a Unión Europea, teñen directrices que definen que as planificacións e actuacións das políticas de montes, teñen que ser acordadas contando coa participación dos sectores e dos axentes sociais. O documento previo de onde derivou o texto da Primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, foron as Directrices para a revisión do mesmo; Directrices que foron acordadas por un grupo de traballo xerado no seo do Consello Forestal de Galiza. Certamente, todas as organización que participaron neste grupo de traballo, son representativas do sector, mais non estaba representado todo o sector xa que entre outros, faltaban os sindicatos agrarios e as centrais sindicais. Polo tanto, o borrador do texto para a Primeira revisión do Plano Forestal de Galiza é un texto legal, mais non é nin e participativo nin democrático.
A Alianza Rural Galega (Adega, CIG, Fruga e Orgaccmm), entende que a política de montes, onde moitas das alternativas son de tipo estrutural, require consenso e tempo; e nin unha cousa nin a outra están presentes no Borrador presentado no Consello Forestal de Galiza. Polo tanto, esíxelle á Consellería do Medio Rural que entregue o borrador para a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza a todas as organizacións e entidades que viven, traballan e xestionan o medio rural co fin de que, se procede, presenten achegas ao mesmo.
A Alianza Rural Galega (Adega, CIG, Fruga e Orgaccmm), quer manifestar publicamente que creará un grupo de traballo con todas aquelas organizacións e entidades que non foron consultadas para a revisión do Plano Forestal de Galiza co fin de analizar o texto e, se procede, presentar alternativas.