O día 22 de febreiro, ás 20h00 tivo lugar en Allariz a presentación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa do bosque autóctono e contra os incendios forestais, promovida pola Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo da que forman parte ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM, así como o movemento COUSAS DE RAÍCES constituído por mais de 60 entidades de carácter ambiental, social, veciñal e profesional.
Tratouse dunha charla coloquio que contou coa presenza do Presidente da organización agraria FRUGA, e de Sanquei Manuel Marínez (Sanquei) experto e delegado do sindicato CIG en incendios forestais, así como Zeltia Burgos Tortosa delegada da CIG, e coa participación de mais de 50 veciños e veciñas de Allariz.
No acto visualizouse a reportaxe documental de Adrián González “As Neves Zona 0”, que mostrou o drama que no pasado mes de outubro de 2017 viviran os veciños e veciñas dese concello que se calcinou case na súa totalidade.
O debate versou sobre as condicións biolóxicas dos eucaliptais que aumentan a perigosidade dos incendios forestais, o desastre persoal, ecolóxico e económico que supón a eucaliptización da provincia de Ourense e a forestación das terras agrarias.
Como conclusións fundamentais destacar a necesidade de ampliar a produción agraria e gandeira, a ordenación forestal racional e sostíbel e a necesidade de “contar coa xente” á hora de establecer políticas que regulan as actividades no rural.
A emerxencia e a situación vivida no 2017 cos incendios forestais necesitan accións urxentes para a protección das persoas e os bens, porque todas as persoas presentes tiñan claro que se pode voltar a repetir.
Recolléronse mais de 50 sinaturas no acto celebrado no Café cultural Roi Xordo de Allariz, onde ficaron pregos para seguir recollendo sinaturas de todas aquelas persoas que queiran achegarse a asinar. Vanse facer actos semellantes na provincia ao longo destes días, establecéronse postos de recollida de sinaturas na comarca.