A actual explotación mineira representa un perigo para as actividades agrarias e gandeiras da zona ao constituír un grave perigo ambiental por contaminación de augas e solos.
Santiago de Compostela, a 28 de febreiro de 2018. A Federación Rural Galega- FRUGA na súa condición de organización rural que ten entre os seus principios de actuación, propiciar a cooperación, solidariedade e recoñecemento mutuo do traballo a prol do medio rural e das actividades agrarias por parte d@s asociad@s, e entre os seu fins figura impulsar e coordinar accións en defensa dos intereses dos seus asociad@s, e figurando varias explotacións agrarias e gandeiras afectadas pola explotación da concesión mineira “San Rafael” , ven de rexistrar escrito dirixido á Consellería de Economía, Emprego e Industria no que solicitamos solicitude de caducidade da concesión mineira “San Rafael”.
A Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galiza, entre os principios que inspiran dita norma citase, no seu artigo 3, a xestión sustentábel dor recursos mineiros, e como criterios orientadores do Plan Sectorial Mineiro, no artigo 12, entre outros: a harmonización da actividade extractiva co resto dos usos do solo dentro do marco da ordenación territorial, agraria e ambiental; o aproveitamento ordenado e sustentábel dos recursos mineiros de maneira compatíbel coa protección do medio natural e co patrimonio cultural.
A actividade actual da mina está pondo en perigo a continuidade e o futuro das actividades agrarias e gandeira da zona ao provocar graves alteracións ambientais a través da súa actual fase de explotación, e mesmo un progresivo abandono e deterioro das labores preventivas mínimas, que constitúe un grave perigo ambiental, especialmente para a protección da augas ante a existencia de grandes lixeira e balsa de lodos, que causan continuamente problemas de contaminación de augas e solos, problemas que repercuten tanto nas augas da bacía do Ulla como nos acuíferos subterráneos.
Así, perante o incumprimento reiterado das condicións de outorgamento dos dereitos mineiros, e tamén ante a vulneración dos principios e criterios da normativa mineira galega, ao concorreren causas de caducidade previstas no artigo 109,j) e 110 do Regulamento Xeral do Réxime da Minaría, ha de tramitarse o oportuno expediente de caducidade da concesión, ao abeiro da normativa mineira.