Nós estamos a favor da máxima transparencia e información aos consumidores. Apostamos pola trazbilidade.
Lugo, 30 de maio de 2018. A Federación Rural Galega-FRUGA, amosa o seu total desacordo co informe sobre o real decreto de etiquetado do leite, elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Neste informe indicase que non debe figurar o país de orixe do leite, algo totalmente insólito, cando noutros estados apostan pola maior trazabilidade posible.
O consumidor ten dereito a saber o país de procedencia dos produtos lácteos que consume, mais no caso do estado español, cando estamos a falar dun estado deficitario no que respecta o produción, tendo que importar importantes cantidades de leite doutros países.
Actualmente, están a saír aos mercados diferentes marcas de calidade, podemos falar de produción en base a pastoreo, de producións ecolóxicas, todas estas marcas van ligadas non soamente a modelos de produción, senón que se corresponden con determinadas áreas xeográficas ou lugares de produción. Na Galiza, de cara o futuro, ábrense moitas posibilidades de produción láctea baseada neste tipo de prácticas sustentables e de calidade.
Desde FRUGA non entendemos moi ben a postura da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia, tendo en conta que en moitos estados da Unión Europea, como por exemplo Portugal, Francia ou mesmamente Italia, xa está en marcha a lexislación que regula a trazabilidade da produción láctea, identificando sempre o estado de procedencia do leite que sae o mercado.
Parécenos que neste aspecto o papel tanto do ministerio como da propia consellería do Medio Rural, deixa moito que desexar, tendo en conta que levan mais dun ano falando deste decreto, e soamente están a pór trabas para poder sacalo adiante. Noutros puntos da Unión Europea, caso de Francia, non soamente está en funcionamento un sistema de trazabilidade do leite, senón que a día de hoxe, están traballando na prohibición de vender o leite por baixo do prezo de custe.
Unha vez mais, esixímoslle a consellería do Medio Rural, que exerza a súa capacidade de liderado, e que traballe en consonancia co Ministerio para sacar este decreto adiante, e que dunha vez por todas tome nota do que está a pasar noutros puntos da Unión Europea, que a día de hoxe están traballando para poder garantir uns prezos dignos, evitando que se produza por debaixo dos custes de produción.